Wednesday 04 de December de 2024

Inés Rey: “A loita das asociacións e as familias foi clave para facer que a accesibilidade universal sexa unha prioridade esencial nas nosas políticas públicas”


A alcaldesa e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, tomaron parte nos actos polo Día Mundial da Discapacidade, organizados no Parrote coa iniciativa ‘Baixo o mesmo paraugas’

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron esta mañá nos actos programados polo Día Mundial da Discapacidade no paseo do Parrote, que centralizou un ano máis o evento solidario ‘Baixo o mesmo paraugas’.

Foi a novena edición desta iniciativa ideada co obxectivo de visibilizar e reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade. Na súa primeira convocatoria, no ano 2016, a conmemoración colectiva contou coa participación de ASPACE Coruña e outras 24 entidades. Hoxe, foron máis dun cento as asociacións que se uniron no Parrote e ergueron os seus paraugas como símbolo de apoio, solidariedade e compromiso cunha sociedade máis inclusiva e igualitaria. Entre as entidades presentes estiveron Aspronaga, ENKI, Aspanaes, Artefíos, ACEM e Down Coruña, entre moitas outras.

Inés Rey, que puxo en valor a figura de Ricardo Iglesias, xerente de ASPACE, como un dos impulsores desta iniciativa, destacou a relevancia do tecido asociativo “nunha causa que debe implicarnos a todas e a todos, para que haxa unha inclusión real e non palabras baleiras”. Neste sentido, a rexedora subliñou o compromiso do Goberno municipal para acadar este propósito, “xa que a inclusión é un principio transversal en todas as políticas do Concello, pensando sempre nunha cidade para todas e todos”.
Na súa intervención, a alcaldesa incidiu en que “se A Coruña está a vivir unha transformación de 180 graos nos seus espazos públicos é, principalmente, porque a loita das asociacións e as familias foi fundamental para colocar as persoas no centro das políticas públicas, facendo que a accesibilidade universal sexa unha prioridade esencial”. Rey apuntou, ademais, a importancia de seguir traballando “por unha sociedade na que todas e todos teñan as mesmas oportunidades, sen barreiras que limiten a capacidade de participar plenamente na vida comunitaria”, e lembrou que o Concello destinou, no que vai de ano, 600.000 euros a proxectos das entidades sociais para mellorar a vida de persoas con discapacidade, enmarcados nun orzamento de 3 millóns de euros que a área de Benestar Social dedica a reforzar o tecido social coruñés.

A programación da xornada, dirixida polos presentadores Fran Rei e Corina Alfonso, incluíu a lectura dun manifesto e a xa clásica interpretación da canción ‘Unha marea de xente’, que simbolizou a unión do público coa paraugada. Xa ao final da mañá, Poten100mos e Silvia Penide puxeron o peche cunha actuación musical.

Deja un comentario