Wednesday 04 de December de 2024

Os montes Iroite e Muralla serán os protagonistas da Andaina Solidaria con Valencia e do Trail de Lousame


A Andaina Solidaria / Belén de Cumes terá lugar o sábado 14 de decembro e custará 6€, que serán doados a prol das persoas damnificadas pola dina de Valencia

O Trail de Lousame terá lugar o domingo 29 de decembro e ofrece 300 prazas na versión curta (14 km e 8€) e longa (25 km e 12€)

Inscricións en www.emesports.es

O Concello de Lousame abre as inscricións na Andaina Solidaria / Belén de Cumes, Pequetrail e Trail de Lousame 2024, tres iniciativas deportivas que terán lugar os sábados 14 e 21 de decembro e o domingo 29 de decembro, respectivamente. As persoas que desexen participar xa poden anotarse na web www.emesports.es.

A Andaina Solidaria e Belén de Cumes estrea percorrido: monte Iroite-Camboño. Terá lugar o sábado 14 de decembro, con saída ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame en autobús cara a estación DECCA do Monte Iroite, onde comezará unha andaina de 10 quilómetros ata a capela da Nosa Señora da Gorgosa (Camboño), onde se procederá a montar o tradicional Belén de Cumes (un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa do municipio e que queda aló para a súa contemplación pola veciñanza desa parroquia durante o Nadal). A chegada está prevista para as 13:00 horas e, tras degustar un chocolate con churros amenizado con panxoliñas mentres se monta o Belén, retornarase en autobús á praza do Concello.

As inscricións estarán abertas ata as 23:59 horas do mércores 11 de decembro. O prezo é de 6 euros (menores de 10 anos, anotacións gratuíta) e todo o recadado será doado a favor dos damnificados pola DINA de Valencia. O evento conta coa colaboración da Cruz Vermella de Noia, Protección Civil de Lousame, Autos Comparado e Redevol Lousame.

Trail de Lousame. Subida á Muralla 2024

No caso do Trail de Lousame, o Concello oferta un total de 600 prazas, trescentas para cada modalidade: Trail Longo (12 €) e Trail Curto (8 €). Ambas probas terán lugar o domingo 29 de decembro, con saída do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e unha espectacular subida ao monte Muralla, un dos miradoiros máis populares da comarca. As inscricións están abertas en www.emesports.es ata as 23:59 horas do xoves 26 de decembro ou ata completar o cupo de prazas.

O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.140 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.

O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Futuranea Soluciones Eléctricas y Tecnológicas, GADIS, AlquiNoia, Fermín Simal SL, Tarrío & Suárez Obras e Contratas e Hoka One One. Así mesmo, conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella de Noia e da rede de voluntariado local de Lousame.

Pequetrail

Finalmente, o sábado 21 de decembro, a partir das 16:00 horas, será a quenda dos atletas máis novos cunha nova edición do Pequetrail de Lousame. Neste caso, a inscrición é totalmente de balde en www.emesports.es, ata as 12:00 horas do mércores 18 de decembro, cun límite de 100 participantes. A proba desenvolverase na contorna do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes: dos 500 metros para os menores de 8 anos ata os 4 km para os sub-16. O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas.

Deja un comentario