As cinco funcións, celebradas todas no Edificio das Escolas ás 22:00 horas, abarcaron dende clásicos da dramaturxia a pezas que falaban da actualidade, ofrecendo ao público un repertorio variado.
O Concello de Ponteceso pechou con éxito a trixésimo primeira edición do seu Ciclo de Teatro, unha iniciativa consolidada como un referente cultural no municipio. Ao longo do mes de novembro, case 600 espectadores desfrutaron das cinco representacións programadas, unha cifra que demostra o enorme interese e participación da veciñanza e dos amantes das artes escénicas. O Departamento de Cultura quere expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas asistentes e á cidadanía en xeral polo apoio incondicional a esta actividade, que converte a Ponteceso nun epicentro cultural da comarca.
Raquel Fondo, concelleira de Cultura, destacou que “o XXXI Ciclo de Teatro non só cumpre co obxectivo de ofrecer espectáculos de gran calidade, senón que tamén serve como un espazo para a reflexión sobre cuestións sociais relevantes, ademais de fomentar o acceso á cultura para todas as persoas.” Fondo tamén quixo salientar o compromiso do Concello coas artes escénicas, reafirmando que este ciclo é unha aposta firme pola promoción cultural e pola creación de espazos de encontro e aprendizaxe para a comunidade.
A programación deste ano contou cunha coidada selección de obras, que abarcou desde clásicos da dramaturxia até pezas que tratan temas de actualidade, pasando pola comedia e os enredos familiares. Todas as funcións tiveron lugar no Edificio das Escolas ás 22:00 horas e lograron encher o espazo de público, confirmando o interese que esta iniciativa esperta ano tras ano.
O departamento de Cultura quere recoñecer o gran traballo realizado polas compañías participantes, que con talento e dedicación lograron cativar ao público en cada representación. Esta edición contou coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxa contribución foi fundamental para o desenvolvemento do ciclo.
O XXXI Ciclo de Teatro reafirma o seu éxito e a súa relevancia, consolidándose como un dos eventos culturais máis importantes do ano en Ponteceso. “Estamos xa traballando para que a próxima edición siga sorprendendo e emocionando ao noso público”, remata Fondo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.