Friday 22 de November de 2024

Turismo de Galicia promove a oferta turística da comunidade galega na feira ANATO de Colombia


A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participará nun workshop cos principais operadores turísticos do país americano
Turismo de Galicia participa dende hoxe ata o vindeiro venres 26 de febreiro na XXV edición da feira Vitrina Turística ANATO, o principal certame do sector turístico que se celebra na capital de Colombia, Bogotá, e un dos máis importantes da América hispana.

Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia disporá dun recinto propio dentro do stand de España desde o que promoverá os recursos, produtos e servizos turísticos da Comunidade galega.

Como reforzo da promoción turística de Galicia en Colombia, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participará nunha xuntanza de traballo cos principais operadores turísticos do país co obxectivo de tomar contacto cos empresarios do sector e propoñerlles a organización de viaxes cara a Galicia atendendo ás distintas especialidades turísticas.

Actividades paralelas
Cómpre subliñar que os cidadáns colombianos xa non precisan de visado para visitar España polo que a presenza de Galicia neste certame adquire maior transcendencia, nun mercado emerxente dentro dun país de máis de 48 millóns de habitantes.

Neste sentido, Turismo de Galicia participará nas actividades organizadas por Turespaña previas á celebración da feira ao obxecto de captar a atención do público colombiano sobre o destino España.

Dentro do programa destas actividades actuará un grupo galego de danza contemporánea que presentará un espectáculo relacionado co baile galego.

Vitrina Turística ANATO é a feira internacional de turismo de Colombia que congrega a axentes de viaxes e oficinas institucionais de distintos países, o que converte este certame especializado no máis importante do país.

ANATO é unha entidade sen ánimo de lucro e de carácter gremial que representa os intereses xerais do turismo e das empresas turísticas de Colombia. Creada en 1949, está conformada por axencias asociadas en todo o territorio nacional, que constitúen a asociación máis importante de empresas turística colombianas.