A danza será a peza angular da programación cultural polo Nadal na Pobra do Caramiñal. Por iso, como antesala ao espectáculo que terá lugar na localidade, o recoñecido bailador Fran Sieira impartirá o obradoiro Danza galega, tradición e vangarda no teatro cine Elma no sábado, 7 de decembro, ás 11.30 horas. Ofértanse un total de 16 prazas de balde que se deberán reservar a través do seguinte formulario en liña: https://forms.gle/suKvAXA87d5qmDg76.
Trátase dunha acción dirixida a persoas maiores de 12 anos con nocións previas de baile tradicional galego ou con inquedanza polas artes do movemento. Algúns dos aspectos a traballar nos 90 minutos de duración serán a descontextualización dos pasos do baile tradicional galego para utilizalos como principal mecanismo de expresión, trasladando ao movemento imaxes claras da peza Coreografías dun demente.
“Queremos redimensiona-la programación cultural por estas datas potenciando distintas disciplinas artísticas. Desta vez, apostamos pola danza. Xa é habitual ter nas táboas o baile tradicional grazas aos festivais do Nadal organizados polo noso tecido asociativo e, dende a Administración local, queremos incorporar tamén unha mestura de folclore e vangarda a cargo dunha compañía de renome como é a de Fran Sieira. Ademais, nos vindeiros días anunciaremos novidades”, segundo avanza a concelleira da Cultura, Patricia Lojo.
Para asistir unicamente é necesario levar roupa cómoda e calcetíns.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.