Wednesday 04 de December de 2024

O Concello de San Sadurniño inicia este martes a súa rolda de asembleas veciñais


Co remate do ano, o Concello de San Sadurniño volve promover o calendario de xuntanzas para pulsar as demandas e necesidades que queira expresar a veciñanza, co obxectivo de poder incorporar ao orzamento municipal aquelas que sexan competencia do Concello e que, ademais, sexan factibles con recursos propios ou acudindo ao financiamento doutras Administracións. As reunións desenvolveranse desde este martes 3 até o 19 de decembro e tamén servirán para falar sobre o estado xeral do territorio e do funcionamento da Administración local.

Todas as asembleas veciñais están postas para as 19:30h e desde o Concello prégase a máxima puntualidade para non demorar o seu comezo nin meterse na noite máis da conta. Tamén é importante levar ben meditadas as iniciativas que se queiran presentar na asemblea, procurando que sexan verdadeiramente necesarias, que beneficien ao maior número posible de persoas e que sexan asumibles cos recursos que ten o Concello ao seu alcance.

Desde a Concellaría de Participación veciñal lémbrase que non todo teñen por que ser obras e infraestruturas, senón que tamén hai cabida para suxerir outro tipo de actuacións -culturais, deportivas, dirixidas ás persoas maiores, etc.- que axuden a reforzar as programacións e servizos municipais ou ao desenvolvemento integral de San Sadurniño.

Ademais, os encontros tamén terán como finalidade falar sobre a situación xeral do territorio e da Administración local, abordando temas como o tratamento do lixo, a xestión forestal e outros de interese xeral.

A diferenza de anteriores convocatorias, cando as asembleas se encadraban nun proceso que contaba cun procedemento definido para presentar as propostas, debatelas e defendelas posteriormente no Consello de Participación Veciñal, nesta ocasión -como resultado da experiencia doutros anos- o Concello opta por simplificar a contribución, cun formato máis informal e distendido no que se irán anotando peticións en cada asemblea e despois xa se incorporarán directamente ao orzamento aquelas que sexan factibles.

O calendario previsto para as xuntanzas é o seguinte:

Martes 3 de decembro, Santa Mariña do Monte
Mércores 4 de decembro, Bardaos
Xoves 5 de decembro, Naraío
Martes 10 de decembro, Ferreira (local da Seara)
Mércores 11 de decembro, Igrexafeita
Venres 13 de decembro, Lamas (local do Chao)
Mércores 18 de decembro, San Sadurniño (Casa da Xuventude)
Xoves 19 de decembro, Camiño Arriba (local social)

Deja un comentario