José Galarzo e María Carmen Martínez, que impartiron obradoiros de acuarela e cerámica á rapazada de Brión, perderon o seu estudo emprazado en Paiporta
O Concello de Brión e a “familia” dos Encontros coa Arte unen forzas para organizar unha exposición solidaria con José Galarzo e María Carmen Martínez, dous grandes artistas que perderon o seu obradoiro en Paiporta (Valencia) como consecuencia da DINA do pasado mes de novembro. Unha mostra a prol da reconstrución deste obradoiro que terá lugar do 17 ao 24 de xaneiro na sala municipal de exposicións de Brión e á que xa confirmaron asistencia 38 artistas de toda a xeografía española.
O xestor cultural do Concello de Brión, Alberto Álvarez Escudero, explica que “o estudo de José Galarzo e María Carmen Martínez, participantes habituais nos Encontros coa Arte e colaboradores nos obradoiros de acuarela e cerámica que se impartían durante a súa estancia en Brión, estaba situado a 50 metros do barranco del Poyo en Paiporta, Valencia. Nese espazo de arte impartían clases de debuxo, cerámica e pintura. A día de hoxe está desaparecido, a auga arrasou con todo: mobiliario, ferramentas, fornos cerámicos, tornos, laminadora, ordenadores e todo o material e obras de arte que atesouraban”. Ademais, fai fincapé en que “necesitan con urxencia volver á normalidade e retomar o seu traballo. Pero para iso precisan da nosa axuda”.
Unha axuda que chegará en forma de exposición solidaria, que abrirá as súas portas na sala municipal de exposicións da Casa da Cultura de Brión o martes 17 de decembro, ás 20:30 horas. Unha mostra na que xa confirmaron a súa participación artistas como: África de la Llave, Alba Roqueta, Alfonso Costa, Ángel Contreras, Antón Sobral, Antonio Marques, Barreiro, Beatriz Ansede, Camilo Seira, Carmen Hermo, Caxoto, Chelo Rodríguez, Emili Armengol, Fran Lareo, Frutos Casados de Lucas, Isabel Pintado, Iván Prieto, Joaquín Cortés, José A. Regidor, José Galarzo, José Vázquez Doce, Juan Moreno, Laureano Vidal, Manuel Ayaso, Manuel Méndez, María Carmen Martínez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafa Arroyo, Rafael Úbeda, Ricardo Rilo, Siro, Tino Canicoba, Veiras Manteiga, Xosé Vázquez Castro, Xosé Vizoso e Yolanda Carbajales.
A exposición estará aberta do 17 de decembro ao 24 de xaneiro. Todo o que se recade coa venda de obras e doazóns será destinado á reconstrución do obradoiro de Galarzo e Martínez en Paiporta.
O Encontro coa Arte é unha iniciativa cultural organizada polo Concello de Brión e que xa vai pola decimosétima edición. Nela participan cada ano entre vinte e trinta artistas de toda España que pasan tres días en Brión participando en actividades culturais, intercambiando coñecementos entre eles e compartindo a súa arte coa veciñanza a través de exposicións e sesións de “Pintura do natural”, que se teñen levado a cabo por todos os recunchos do municipio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.