Wednesday 04 de December de 2024

Aberto ata o 20 de decembro o prazo de inscrición na terceira San Silvestre Concello de Neda


A proba, pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, desenvolverase o martes 31 de decembro no Roxal

Dentro da programación especial de Nadal, o Concello de Neda organiza este ano a súa terceira San Silvestre. A cita terá lugar, coma sempre, o 31 de decembro, con saída e chegada na pista polideportiva do Roxal. A proba, que ten aberto xa o seu prazo de inscrición, está incluída no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, e forma parte tamén do “X Circuíto da Deputación da Coruña”.
Ata o día 20 de decembro, ás 23.59 horas, todos/as os/as atletas, federados/as ou non, que desexen participar deben anotarse na web www.carreirasgalegas.com, onde tamén se poderán consultar o regulamento da carreira. Só os maiores de idade terán que aboar a cota de inscrición de 6 euros, para os menores é de balde.

A proba absoluta, que arrincará ás 10.30 h, terá un percorrido aproximado de 5,4 quilómetros por asfalto (tempo máximo de 45 minutos). Con anterioridade, a partir das 10 horas, desenvolveranse as probas do resto das categorías. En sub 16 e sub 14 a distancia a percorrer será de 1,4 km, e nas categorías sub 12 e sub 10 (nacidos entre 2014-2016) deberán correr 700 metros. Recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.

Dende o Concello animan ás persoas afeccionadas ao atletismo de toda a comarca a despedir este 2024 correndo xunto ao Belelle. A carreira reunía o pasado ano, a pesar da chuvia, ao redor de 180 deportistas.
A retirada de dorsais desenvolverase dende unha hora antes do inicio da carreira, que discorrerá pola zona do Roxal.

Deja un comentario