● Este é o primeiro paso para rehabilitar o edificio e poñelo ao servizo da veciñanza.
● A actuación tamén inclúe a renovación da vía que dá acceso á Casa do Mar.
● O prazo para enviar ofertas remata o 18 de decembro.
O Concello de Camariñas sacou a licitación o proxecto para renovar a cuberta do Casa do Mar de Camelle, unha obra valorada en 121.883,51 euros que supón o primeiro paso para rehabilitar o edificio e poñelo ao servizo da veciñanza.
Os traballos a levar a cabo para a renovación da cuberta inclúen o levantado das pranchas de fibrocemento actuais, a reparación das vigas e a lousa da cuberta, a instalación do sistema de impermeabilización e illamento e, por último, a execución e pintado da nova cuberta. Ademais, este proxecto tamén inclúe a renovación da vía que dá acceso ao edificio.
“O obxectivo é rehabilitar por completo a Casa do Mar e convertela nun espazo de ocio, respondendo así unha antiga demanda dos veciños e veciñas da parroquia”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, que indica que “despois da renovación da coberta a nosa idea é acondicionar a estrutura e as fachadas, reorganizar a primeira planta e repoñer os acabados”.
“A intención é ir rehabilitando o inmoble pouco a pouco para poder facer uso del e que a veciñanza de Camelle teña un espazo en condicións para poder facer actividades, cursos… xa que a casa de Man está quedándose pequena e Camelle é unha das parroquias onde os nenos e nenas máis participan nas actividades que organiza o Concello”, explica Sandra Insua.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.