Monday 02 de December de 2024

Este domingo bota a andar en San Sadurniño a campaña de dinamización do comercio “Polo Nadal, consumo local”


Na iniciativa promovida pola área de Desenvolvemento local participan 31 establecementos, que entregarán papeletas até o día 31 de decembro

Sortearanse nove cestas de produto de proximidade, seis valoradas en 70 euros e tres cun valor unitario de 140€

 

O Concello reedita durante todo este mes de decembro a campaña de promoción do noso comercio e os nosos servizos “Polo Nadal, consumo local”, coa que se tenta fidelizar clientela e poñer en valor a calidade tanto dos produtos como da atención que ofrecen os establecementos de San Sadurniño. Con cada compra que fagamos recibiremos unha rifa para entrar no sorteo de nove cestas cargadiñas de cousas, sobre todo alimentos elaborados de proximidade e propios destas datas. Este ano sumáronse á iniciativa un total de 31 establecementos e negocios de servizos de San Sadurniño.

Por compras, consumicións ou servizos de ata 10€ entraremos no sorteo de seis cestas valoradas en 70€ cada unha, mentres que por gastos que superen os 10€ nos establecementos participantes entregarannos papeletas para entrar no sorteo doutras tres cestas cheas de produto, nese caso valoradas en 140€.

As rifas deberemos depositalas nunha urna (ou entregarlla á persoa responsable do establecemento) co noso nome e un número de teléfono de contacto, co obxectivo de que Desenvolvemento local poida contactar con nós se ganamos algún dos premios.

Cantas máis compras fagamos en San Sadurniño, sexan grandes ou pequenas, máis posibilidades teremos de levar un destes fantásticos agasallos. De prazo temos desde o 1 até o 31 de decembro, tempo máis que suficiente para xuntar unha boa presada de papeletas azuis e vermellas, dispoñibles nos seguintes establecementos: Agromuíño, Agrotenda Pena Fontao, Bar Castrillón, Bar Eladio, Bar Ferreira, Bar O Campo, Café bar Atrium, Cafetería Dzine, Clínica de Fisioterapia Fisio-Che Ben, Clínica de Fisioterapia Penamoura, Clínica Fisioterapia Sansastur, Cooperativa de Meirás (tendas de Naraío e San Sadurniño), Ferretería Lamas, Floristería La Feria, Galletas Maruxas, Libraría Brétema, Maskotas, Mesón A Granxa, Mesón Os Cazadores, Panadería Inxerto, Parrillada María Queira, Peluquería Ángeles, Peluquería Juan, Peluquería Lucía, Peluquería Mari, Peluquería Santos, Queixaría O Casal, Supermercado Calvo, Supermercado Outeiro e Triscos e Fíos.

O sorteo será o día 3 de xaneiro ás 12:00h nun acto público que se desenvolverá no salón de plenos. A entrega dos lotes farase uns días despois, nunha data que se dará a coñecer a través das redes sociais municipais.

Calendarios con “historias das nosas”
Dentro das cestas da campaña tamén se incluirá o calendario municipal de 2025, que este ano levará as imaxes da exposición colectiva que aínda pode visitarse no patio interior do Concello. Trátase da mostra fotográfica “Historias das nosas: arando na memoria”, organizada por Igualdade con motivo do Día Internacional das Mulleres rurais.

Os almanaques tamén se poderán recoller gratis nas oficinas municipais e na Casa da Cultura desde mediados do mes de decembro.

Deja un comentario