Haberá que enviar fotografías de mulleres ao evento de Facebook ‘Por un planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso pola igualdade de xénero’. Con toda elas se elaborará un gran mosaico para o do Día Internacional da Muller
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acaba de poñer en marcha unha nova iniciativa co gallo de Día Internacional da Muller, o cal se celebrará o vindeiro 8 de marzo. Promovido polo CIM novamente as redes sociais, concretamente a través do seu Facebook, será a ferramenta fundamental para poder participar. Durante o mes de febreiro as persoas que queiran poderán enviar unha fotografía na que apareza algunha muller no seu posto de traballo ou en calquera situación cotiá ao evento especialmente creado para a ocasión, ‘Por un planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso pola igualdade de xénero’ (http://on.fb.me/1RkoDBA).
Con todas as imaxes recibidas confeccionarase un mosaico que aparecerá no cartel da campaña e nas redes sociais. Con esta proposta a Mancomunidade de Ordes pretende promocionar a campaña promovida pola ONU e que insta a Gobernos e institucións a traballar en prol da igualdade de oportunidades e dereitos para as mulleres e as nenas. Pasos que se traduzan na promulgación de leis, marcos normativos, políticas e plans de acción tanto nacionais como internacionais que veñan acompañados de investimentos adecuados. Con esta idea tamén se lles quere dar visibilidade a tantas e tantas mulleres do municipio ordense e doutros lugares que realizan unha actividade fundamental para o desenvolvemento social, económico, político, humano etc.
Por outra banda tamén se dou a coñecer xa o nome da gañadora do concurso ‘Rosalía verso a verso’, promovido conxuntamente polo CIM e o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade. Mónica Cores recibirá mañá os libros e material audiovisual ao acadar o seu post o maior número de ‘gústame’ de todos os enviados ao evento creado na páxina do CIM. Unha entrega que terá lugar no charla-obradoiro que se celebrará mañá e que versará sobre a visión máis reivindicativa da poeta galega en materia de dereitos para as mulleres. Con todo isto a Mancomunidade de Ordes quere promover e achegar a figura e obra de Rosalía de Castro nun ano no que se celebra o 179 aniversario do seu nacemento.