Monday 02 de December de 2024

O conselleiro de Educación destaca que a Xunta acomete de forma simultánea obras en 6 centros da Coruña por máis de 6M€


— Román Rodríguez supervisa a rehabilitación integral do Instituto IES Rafael Dieste, nas que a Xunta inviste máis de 1,7M€

— Este tipo de obras redunda nunha mellora do confort da comunidade educativa, ademais de nunha maior eficiencia enerxética

— Pon en valor o investimento da Xunta en melloras nos centros educativos da cidade da Coruña, con 11M€ nos últimos catro anos e outros 12M€ xa comprometidos

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe a evolución das obras de rehabilitación integral do Instituto IES Rafael Dieste, nas que o seu departamento está a investir máis de 1,7M€, e cuxo remate está previsto para o próximo verán.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que esta intervención “enmárcase nun dos obxectivos prioritarios do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que é o de mellorar a eficiencia enerxética dos centros, ao tempo que se incrementa o confort para toda a comunidade educativa”.
Neste sentido explicou que esta obra “vai dar como resultado tamén un maior aforro enerxético, grazas ás novas condicións de estanqueidade e illamento térmico que van xerar as novas cubertas, fachadas e fiestras, entre outras melloras que se están a executar”, dixo o conselleiro.
Román Rodríguez puxo en valor o investimento da Xunta en melloras nos centros educativos da cidade da Coruña. “Ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, nos últimos catro anos investíronse 11M€ e xa están comprometidos outros 12,5M€ para próximas actuacións, que se irán concretando nos próximos meses”, destacou. De feito, neste momento están en execución un total de seis actuacións na cidade herculina, por un importe total de 6,3M€, a do IES Rafael Dieste entre elas.
Cambio de 2.333m² de cuberta
A rehabilitación integral do IES Rafael Dieste inclúe actuacións sobre as cubertas, as fachadas e as carpinterías exteriores para solucionar os problemas de humidade e entrada de auga que presentaba o centro, así como a renovación das luminarias e a instalación de falsos teitos.

No que atinxe ás cubertas, múdanse 2.333m² das actuais por unhas novas de panel sandwich de chapa de aceiro galvanizado, con illamento térmico no forxado baixocuberta. A cuberta existente sobre o patio central, ata o momento unha bóveda de policarbonato que estaba a xerar problemas de entrada de auga, substitúese por unha nova cuberta de policarbonato celular, a modo de lucernario, en continuidade coa liña plana do resto das cubertas. Ademais, renovaranse os canlóns e as baixantes e a cubrición da pérgola exterior da zona dos talleres
Renovación de 224 fiestras e 789 luminarias
No caso das fachadas aplícase un sistema de illamento térmico nos 2.997m² existentes, do que ata o momento carecía; mentres que as 224 fiestras substitúense por unhas novas de aluminio acabado anodizado natural, con rotura de ponte térmica e cristais tipo climalit. Tamén se mudan parte das persianas existentes por unhas de aluminio tipo monoblock e, naquelas estancias nas que non hai persianas, colocaranse estores enrolables de tela para a protección solar e lumínica.

Na mesma liña de mellora da eficiencia enerxética, renóvase a instalación eléctrica do instituto e colócanse 789 novas luminarias led con sistema de regulación multisensor. Co obxectivo tamén de mellorar o confort de docentes e alumnos, colócase un novo pavimento de PVC no ximnasio e instálanse teitos rexistrables nas aulas, isto último contribuíndo tamén a optimizar as condicións acústicas.

Deja un comentario