Friday 29 de November de 2024

O pleno de San Sadurniño reitera o seu apoio ás plataformas veciñais contrarias ao despregamento eólico masivo no Ortegal


Na sesión de onte tamén quedaron aprobadas a modificación da RPT, a nova ordenanza reguladora da taxa pola recollida do lixo e a declaración con motivo do 25N.

Ademais, no pleno tamén se acordou (con catro votos a favor, tres abstencións e un voto en contra) non esixirlles responsabilidades patrimoniais aos concelleiros que en 2007 asinaron o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en común de San Sadurniño

O último pleno ordinario deste 2024 deu para moito. Na orde do día incluíranse unha ducia de puntos nos que BNG e PP -o edil do PSOE non puido asistir- investiron máis de hora e media entre exposicións, debates e votacións. Foi unha sesión moi variada tanto polos temas tocados como polas posturas políticas, xa que houbo de todo un pouco. Volveuse falar da reclamación patrimonial presentada polas dúas concelleiras do PP contra o equipo de goberno de 2007, abordouse a suba de taxas segundo o IPC en 2025 e a modificación da ordenanza da recollida do lixo, tamén se aprobou a modificación da RPT e, na recta final, saíron adiante as mocións que ían na relación de temas para tratar, dúas delas por unanimidade e outra, a referida á declaración insitucional con motivo do 25N, só cos votos favorables do BNG e a abstención do PP. As dúas que si concitaron o apoio de todas as concelleiras e concelleiros presentes foron a que pediu a creación dunha unidade de rehabilitación cardíaca na área sanitaria de Ferrol e tamén a defendida por unha representante da plataforma Ortegal di Non, contraria ao despregamento “abusivo” para a veciñanza dos parques eólicos Badulaque, Barqueiro e Moeche.

A orde do día do pleno levaba como primeiro punto relevante a resolución plenaria sobre o asunto da reclamación patrimonial presentada polas dúas concelleiras do PP, María Belén Trigo e Esther Díaz, contra os membros do equipo de goberno que aprobaron en 2007 o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. Un tema que xa se tratara en pleno e que despois foi obxecto de dúas sentenzas, unha do Contencioso-Administrativo e outra do TSXG, antes de volver este xoves ao pleno para que este órgano o resolvese, por agora, definitivamente.

Antes de expoñer a proposta de acordo, as dúas concelleiras populares anunciaron que ían abandonar a sala durante o debate e votación, por ser “parte interesada” no procedemento. Neste sentido, Secundino García tamén anunciou que o tema sería exposto pola concelleira Raquel Piñeiro, posto que tanto el como a portavoz Mari Carme Muíño e o concelleiro Manolo Varela estaban directamente afectados pola reclamación das edís do PP.

A resolución proposta -sostida nun detallado informe xurídico e técnico- considera que “non existiu dano ou lesión” ao Concello e que, polo tanto, tampouco concorren os requisitos para esixirlles responsabilidade aos membros do goberno local de 2007. O acordo, que tamén propuña desestimar as alegacións de Esther Díaz Vergara e María Belén Trigo Meizoso, foi aprobado con catro votos a favor dos edís do BNG non afectados pola decisión -Manel López, Araceli Bellas, Raquel Piñeiro e Banolo Beceiro- e a abstención de Secundino García, Mari Carme Muíño e Manolo Varela.

Curiosamente, quen votou en contra do acordo (entendendo que si se debería expedientar aos concelleiros) foi o edil do PP que aínda permanecía na sala, José Luis Hermida Prieto, a pesar de estar relacionado coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño.

Nova ordenanza do lixo
Superado este tema, e con Trigo Meizoso e Díaz Vergara de novo nos seus escanos, o pleno continuou, acordando por unanimidade que as taxas e prezos públicos municipais suban en 2025 segundo o IPC, algo que xa vén recollido nas propias ordenanzas reguladoras pero que, para maior seguridade, debe aprobarse tamén en pleno.

En canto a taxas, a corporación tamén debateu a modificación da ordenanza reguladora da recollida do lixo que, unha vez entre en vigor, incorporará varias novidades para axeitar a norma á realidade do servizo e tamén aos seus custes. Segundo se explicou na sesión, a recollida do lixo doméstico ten un custe anual de 132.000 euros, incluíndo nese importe a suba “dun 30%” decretada este mesmo ano pola Xunta para compensar as penalizacións impostas por Europa ao modelo “obsoleto” de incineración de SOGAMA.

Unha subida que, porén, o Concello non trasladará completamente aos recibos (o incremento para as vivendas será duns 13€ anuais). Ademais, o articulado tamén recolle bonificacións, como unha redución do 10% se se fai compostaxe e outro 10% se os ingresos da unidade familiar non superan o SMI e, de feito, ambos serán acumulables (un desconto do 20%). A ordenanza tamén introduce como novidade a posibilidade de que os establecementos ou actividades que coincidan na vivenda habitual só paguen unha taxa.

O PP pediu que se elabore un estudo sobre as fórmulas que permitan abaratar custes na recollida e incluso propuxo algunhas medidas, como por exemplo instalar máis colectores, alongar nas zonas que producen pouco lixo os intervalos en que pasa o camión ou levar a cabo unha campaña de concienciación sobre a reciclaxe. O alcalde agradeceulle ao grupo da oposición que fixese “propostas construtivas” e avanzou que xa se está traballando nunha campaña informativa sobre a fracción orgánica -a que máis pesa na bolsa do lixo- e sobre a compostaxe. García Casal aproveitou para demandar das Administracións competentes “decisións políticas” coas que se reduzan envoltorios innecesarios e outros restos. A ordenanza quedou aprobada inicialmente cos sete votos do BNG e tres abstencións do PP.

RPT e 25N
Durante a sesión tamén se votou a modificación da Relación de Postos de Traballo no Concello. Un documento que introduce algúns cambios a nivel organizativo e que redefine as funcións de certos postos, unificando cometidos para que as posibles ausencias ou períodos vacacionais do persoal non teña incidencia no funcionamento dos servizos.

O PP anunciou a súa abstención esgrimindo que a RPT non se acordara por unanimidade e que as subidas salariais previstas non eran para todo o persoal. Pola contra, o equipo de goberno defendeu que a nova relación de postos foi tratada e consensuada coa representación do persoal na mesa xeral de negociación “sen ningún voto en contra” e que esta implicará, ademais, “melloras nas retribucións e nas condicións de traballo”.

Trar aprobar este punto, o pleno entrou no debate das catro mocións previstas. A primeira delas, presentada polo PSOE, retirouse da orde do día por estar recollidas as súas propostas noutra moción pactada polo representante socialista e o grupo municipal do BNG, relativa á declaración institucional con motivo do 25N.

O PP criticou que non se lle tivese feito chegar o texto para poder ser partícipes do seu contido -razón pola que optaron por absterse- mentres que o Grupo de Goberno veu retrucarlles que, igual que fixo o BNG, os populares puideron terse interesado pola moción do edil socialista (ausente no pleno).

Sexa como for, o texto reafirma o compromiso do Concello coa igualdade e a eliminación das violencias contra as mulleres e lanza varias peticións dirixidas á Xunta de Galicia: máis programas formativos arredor da igualdade e a prevención da violencia machista, que se reforce a atención psicolóxica ás vítimas, que se modifiquen os requisitos e o procedemento de recoñecemento dos Centros de Información á Muller (para que estes centros conten con recursos suficientes e que, ademais, estean blindados contra posibles privatizacións) e, por último, que se actualice o protocolo de coordinación e cooperación institucional coa fin de dar unha resposta máis efectiva a todas as mulleres vítimas.

Outra das mocións conxuntas PSOE-BNG referiuse á demanda dunha unidade de rehabilitación cardíaca na área sanitaria de Ferrol. O PP, malia tratarse procedimentalmente dun caso similar ao da moción do 25N, si decidiu apoiar o texto.

Nova moción sobre o despregamento eólico
Antes de entrar no apartado de rogos e preguntas -centrado desta vez nas bolsas escolares, no lobo e nos horarios de apertura da biblioteca, principalmente- o pleno tratou, unha vez máis, unha moción relacionada co despregamento eólico que lle afecta á nosa comarca.

De defendela encargouse Maribel Lorenzo, representante da plataforma Ortegal di Non, quen pediu “deixar de lado as ideoloxías” para defender á poboación rural, que nestes momentos, segundo dixo, se encontra “nunha situación desesperada loitando por conservar un modo de vida, unha paisaxe e unha sostenibilidade futura”.

Lorenzo denunciou que os parques eólicos proxectados serán “coiteladas no noso territorio” que modificarán “a nosa cultura, os negocios, a forma de vida, o patrimonio…” co pretexto dun “suposto progreso” que, porén, só buscaría o máximo beneficio das multinacionais promotoras e dos seus accionistas.

As plataformas asinantes do manifesto, que agradeceron o apoio do Concello, criticaron que a posta en marcha dos proxectos “incumpre dereitos constitucionais” por estarse tramitando sen a debida participación cidadá e sen información suficiente. Atrancos aos que se lle engaden as “portas pechadas en moitas institucións públicas que deberían defendernos”.

O texto que se votou non foi a alocución de Maribel Lorenzo, senón unha moción rexistrada previamente polo BNG que coincide cos puntos referidos pola representante de Ortegal di Non, entre eles o da imposibilidade de acceder aos proxectos definitivos dos parques, a proximidade dos muíños a vivendas ou as “presións” e “medidas pouco éticas” para conseguir que “xente maior que vive soa” asine contratos polos terreos a prezos inferiores a 1 euro por metro cadrado.

“Sabemos que o seguinte paso é que as empresas soliciten que os proxectos sexan considerados de utilidade pública, mais esiximos unha explicación con datos reais posto que hoxe en día esta declaración, ao noso entender, carece dunha base fiable, o que está a provocar un sentimento de desprotección entre a veciñanza”, di a moción.

“Non estamos en contra das enerxías renovables, pero si en contra da transformación industrial do noso territorio sen garantías de emprego nin desenvolvemento cara un futuro sostible, con macroproxectos que non respectan o xeito de vida de quen habitamos estes territorios e que van dificultar fixar e atraer poboación que nos permita manter un rural vivo”, remata o texto antes de reiterar a “unión pola defensa do territorio que se está vendo atacado por un modelo enerxético abusivo e co que só se vai ver beneficiada Enel Gren Power España”.

A moción contou cos votos favorables do BNG e do PP.

Deja un comentario