O 40º aniversario da declaración da República Árabe Saharauí Democrática conmemórase en San Sadurniño cunha declaración institucional e co izado da bandeira do país
Este sábado fanse 40 anos da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). Un país que vive na súa maioría exiliado en Alxeria despois de que Marrocos empezase a ocupar os territorios abandonados á súa sorte por España días antes da morte de Franco. Para lembrar a data e para continuar apoiando as reivindicacións do pobo saharauí, a Xunta de Goberno Local de San Sadurniño aprobou onte unha declaración institucional na que se esixe un maior compromiso internacional para impulsar o referendo de libre determinación que a ONU se comprometeu a organizar e supervisar en 1991 pero que, porén, aínda non se fixo realidade debido ao rexeitamento sistemático por parte de Marrocos. Como símbolo do apoio á causa saharauí, o Concello tamén ten previsto manter izada a bandeira do país durante toda a fin de semana.
A declaración institucional aprobada pola XGL ratifica “un ano máis” o “firme compromiso” de San Sadurniño co Pobo Saharauí, nun momento en que os campamentos de Tinduf aínda non se recuperaron das choivas torrenciais do pasado outubro que lle afectaron “a máis de 90.000 persoas das que arredor de 25.000 perderon os seus fogares e quedaron sen alimentos”. Un desastre natural ao que se suman “probas sobre desaparicións forzosas e bombardeos sobre a poboación civil por parte de Marrocos” nos territorios ocupados, tal e como denuncian varias institucións.
A declaración municipal manifesta a reafirmación da lexitimidade da RASD e do goberno da Fronte Polisario e pide, unha vez máis, “o dereito de autodeterminación que legalmente asiste ao Pobo Saharauí”. Neste sentido ínstase ao Goberno Español e á comunidade internacional que se lexitime ao Polisario como representante diplomático e que se promovan as iniciativas que sexan necesarias “para lograr unha solución xusta e definitiva, mediante a celebración dun referendo, conforme ás resolucións das Nacións Unidas”.
O Concello tamén expresa o seu desexo de que cesen as persecucións contra activistas e que “se esclareza o destino de máis de 400 persoas saharauís desaparecidas”. Tamén insta ao Estado Español a que “asuma a súa responsabilidade histórica” traballando dentro da Unión Europea e aproveitando a súa presenza no Consello de Seguridade da ONU “para que a MINURSO vexa ampliado o seu mandato á vixilancia dos dereitos humanos no Sáhara Occidental”. A declaración institucional reafirma, ademais, o compromiso do Concello co traballo que se desenvolve “nos campamentos de Tinduf e nos territorios ilegalmente ocupados por Marrocos, como mostra do apoio maioritario da sociedade de San Sadurniño á lexítima loita do Pobo Saharauí pola súa liberdade”. Por último, o Concello de San Sadurniño tamén aproveita o texto para agradecer “a colaboración desinteresada e a xenerosidade” da xente de San Sadurniño que fai posibles proxectos de cooperación comoa Caravana pola Paz ou o programa Vacacións en Paz.
Para visibilizar estes compromisos, o Concello izará o venres a bandeira da República Árabe Saharauí Democrática. A enseña permanecerá ondeando en solitario durante toda a fin de semana diante da casa consistorial.
40 anos de loita pola autodeterminación
A República Árabe saharauí Democrática (RASD) naceu o 27 de febreiro de 1976. A súa proclamación fíxose oficialmente na localidade de Bir Lahlou, aproveitando o baleiro legal que deixou España ao marchar da que era unha provincia desde 1934 e, de facto, a súa última colonia. Mediante os denominados Acordos Tripartitos de Madrid, o goberno español cedéralle a xestión administrativa de dous tercios do Sáhara Occidental a Marrocos e o tercio restante a Mauritania aínda que, iso si, recoñecéndolle o dereito ao pobo saharauí a celebrar un referendo de autodeterminación. No entanto a Corte Internacional de Xustiza ditaminou a existencia de vencellos históricos entre Marrocos e o Sáhara, algo que foi tomado como escusa por Hassan II -pai do actual rei de Marrocos- para anexionar o territorio. Ocuparíao militarmente o 27 de febreiro de hai corenta anos, data na que detonou a proclamación da RASD e data na que o Polisario empezou a loitar contra Marrocos e Mauritania.
A guerra contra Mauritania duraría ata 1978. Porén, a sinatura dun acordo de paz entre este país e a Fronte Polisario non supuxo que os saharauís recuperasen terreo, senón que Marrocos tamén ocupou militarmente o tercio mauritano. Este desenlace marcou a continuidade da guerra ata 1991 e, principalmente, un éxodo saharauí masivo -e forzado- cara ao asentamento ao sur de Tinduf co beneplácito do goberno Alxeriano. Tamén supuxo o comezo da construción do Muro da Vergoña, que pecha con arames, minas e constante vixilancia 2.500 quilómetros de fronteira.
Con todo, a principal táctica da invasión marroquí foi a da colonización das terras deixadas atrás por quen tiveron que marchar. O goberno da RASD estima que nos últimos anos se instalaron no Sáhara Occidental máis de 200.000 marroquís. Unha circunstancia que vén complicar aínda máis a situación, posto que a solución que se reclama é que os 165.000 exiliados en Tinduf poidan volver á súa terra para, seguramente, atopala en mans doutras persoas.
A guerra suspendeuse oficialmente en 1991 cando a Fronte Polisario e o goberno marroquí aceptaron o Plan da ONU (Resolución 690) que inclúe un alto o fogo, o intercambio de prisioneiros, a repatriación de refuxiados e a celebración do referendo, todo baixo supervisión da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO). Con todo, os avances na resolución do conflito son prácticamente nulos debido á insistencia marroquí en condicións que garantan unha anexión e ao constante boicot de calquera esforzo da ONU. A Fronte Polisario busca o cumprimento do dereito internacional e a celebración dunha consulta na que o propio pobo se pronuncie pola independencia ou a autonomía.
O boicot marroquí non responde unicamente a unha cuestión de orgullo nacional, senón tamén -e principalmente- económica. Cómpre ter en conta que o Sáhara Occidental conta con importantes reservas minerais, petrolíferas, de gas natural e pesqueiras. Interses que trascenden as fronteiras do propio Sáhara e que virían explicar os posicionamentos políticos de moitos países para non impulsar definitivamente a solución malia o compromiso expreso da ONU. Desde 1976 houbo 82 países que recoñeceron a República Árabe Saharauí Democrática como estado. Entre eles non está España nin tampouco ningunha das grandes potencias mundiais. Ben é certo que, agás o propio interesado, ningún país recoñece a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental.
Mentres tanto, a poboación saharauí sobrevive nos campamentos próximos á cidade alxeriana de Tinduf ou sometida á ocupación marroquí no Sáhara Occidental. En ambos casos a súa situación é cualificada polo goberno da RASD como “dura e inhumana” xa que, segundo denuncia na súa web “a vida nos campamentos depende por completo da axuda internacional e as condicións xeográficas e climáticas fan que os aspectos máis elementais do cotián representen un reto, e a vida nos territorios ocupados está marcada pola persecución política, a represión de toda manifestación saharauí por pacífica que sexa, a tortura e as desaparicións forzadas”.