Inés Rey: “Sito foi unha figura clave da música coruñesa e galega e merece este recoñecemento da súa cidade”
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta mañá que o Belén Municipal abrirá as súas portas na sala de exposicións do Palacio de María Pita o vindeiro venres 13 de decembro. A rexedora tamén confirmou que a nova figura do nacemento estará dedicada a Sito Sedes, cantante residente na Coruña que finou no pasado mes de xullo.
“Sito Sedes foi unha figura clave da música coruñesa e galega, levando a música de orquestras a un estatus superior, e merece ter este recoñecemento da súa cidade”, dixo Inés Rey. A súa figura, que se atopa en proceso de elaboración polo responsable artístico do Belén, Luis Cousillas, será presentada no acto de apertura do día 13, previsto para as 19.00 horas.
Sedes, nacido en Narón en 1946, foi veciño da Coruña a meirande parte da súa vida e nela desenvolveu a súa traxectoria profesional como cantante. É considerado un dos máximos expoñentes da canción de orquestra, sendo protagonista do período dourado de ditas formacións, no que Los Satélites foi unha das máis destacadas.
“Sito era unha persoa moi activa, de cuxa voz puidemos gozar ata hai moi pouco, participando en actuacións especiais xunto á Garufa Blue Devils Big Band ou noutros eventos que promovemos desde o Concello”, lembrou a alcaldesa. Rey confirmou que a familia de Sedes participará no acto de apertura do Belén, que conta con numerosas figuras de coruñeses e coruñesas ilustres, como Luísa Villalta, Isabel Zendal, Ramón Pérez Costales, Pablo Picasso, Mauro Silva, Arsenio Iglesias ou Concepción Arenal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.