— Esta dotación inicial incrementarase ao longo do ano con convocatorias adicionais de subvención á posta en marcha de proxectos, promoción do talento, presenza en foros e mercados, creación de videoxogos ou festivais do sector
— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora co Clúster Audiovisual Galego na organización do seu encontro profesional anual, centrado no ‘pitching’ de 18 propostas de cinema e televisión diante de destacados axentes da industria
O Goberno galego investirá no próximo ano 5M€ nas liñas de subvencións a rodaxes e producións e coproducións audiovisuais para continuar co apoio aos proxectos e profesionais deste sector estratéxico en termos culturais e económicos. Así o anunciou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a 18ª edición do encontro I+P Ideas para producir, que se celebra hoxe no Centro Ágora da Coruña, organizada polo Clúster Audiovisual Galego co patrocinio da Xunta de Galicia.
Esta dotación inicial incrementarase ao longo do ano con convocatorias adicionais de subvencións para a posta en marcha de proxectos, promoción do talento, presenza en foros e mercados, creación de videoxogos ou festivais do sector, tal como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na apertura deste encontro canda o presidente do Clúster, Alfonso Blanco.
O I+P Ideas para producir ten como finalidade conseguir novas alianzas para o audiovisual galego na coprodución, venda, financiamento ou distribución de contidos para cinema e televisión. Neste sentido, Jacobo Sutil referiuse ao talento audiovisual galego e louvou a capacidade e solvencia técnica dos equipos galegos para liderar filmes que conquistan as pantallas dentro e fóra do noso territorio e para poñerse á fronte de series de éxito en canles e plataformas de televisión.
Apoio para o crecemento do sector en 2025
Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais fixo reconto dos resultados do Hub Audiovisual – Industria Cultural da Xunta no trienio 2021-2023, no que a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE, se apoiaron nove rodaxes de longas e series de seis produtoras e contribuíuse á preprodución de 64 obras audiovisuais a cargo de 25 entidades beneficiarias. Sutil afirmou que “se afianza así unha senda de crecemento que continuou ao longo deste ano 2024 coa convocatoria de nove liñas específicas de axuda ao sector, cunha dotación total de preto de 6,7 millóns de euros”.
Tamén avanzou que para 2025 a Xunta de Galicia ten xa deseñada unha nova planificación de apoio integral ao sector que volverá canalizar 3 millóns de euros para a produción e coprodución audiovisual e outros 2 millóns para as rodaxes realizadas en territorio galego. Estas dotacións veranse incrementadas con investimentos adicionais nas liñas de axudas para traballos de preprodución, promoción do talento, presenza de profesionais e títulos galegos en foros e mercados especializados, así como creación de videoxogos ou festivais do sector. Estas dúas últimas convocatorias xa aprobadas no Consello da Xunta, coas dotacións de 150.000 euros e 300.000 euros, respectivamente.
Récord de proxectos presentados
O I+P Ideas para producir desenvolve durante toda a xornada de hoxe presentacións rápidas tipo ‘pitching’ e reunións personalizadas arredor dos 18 proxectos seleccionados. Os seus responsables teñen a oportunidade de se presentar diante dun auditorio conformado por representantes das principais televisións, plataformas, produtoras e distribuidoras de toda España. Nesta edición, o evento volveu bater récord de inscricións con 175 propostas rexistradas, que foron analizados por un comité de selección nomeado ao efecto.
Os 18 traballos finalistas que se presentan hoxe encóntranse en distintas fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes de ficción e documentais, e series e miniseries de ficción, documentais e de animación. No programa de pitchings e reunións one to one participará un auditorio conformado por executivos de RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar Plus+, Amazon Prime Video, AMC Networks, Warner Bros. Discovery, CRTVG, TV3, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente ou Portocabo.
No apartado das longametraxes de ficción figuran El hombre al que no conseguían matar (Avendaño Estudio), El fin de la verdad (Kraken Media), Lactantes (Julen Gorosabel), Atenas-Barcelona (Sebastián A. Pérez), Mr. Wang (Love Our Films Media), Canción animal (CSC Films), Serenade (Mandrágora Cinema), Chocolate (Enrique Rambal), Merlo Branco (Mordisco Films), Despois de Grecia (Irene Pin) e Virxe do Carme (Coven Films); e a longametraxe documental Toxo: el día que el sol perdió su fuerza (Tamboura Films).
En canto aos formatos de televisión, participan as series de ficción Happy Funerals (Fon Cortizo), El Último (Ángel Velasco), Urrutia (Amaia Yoldi) e Platino (Nuria Cabello), a serie de animación Bibopalula (Undodez Producións), e a miniserie documental Las dos caras de… (Producciones Vigo – EISV).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.