Friday 29 de November de 2024

O Concello de Ribeira aproba a liquidación do aparcadoiro do Centenario e a actualiza os contratos de auga e iluminación


Onte pola tarde celebráronse os dous plenos, un extraordinario e outro ordinario, axendados para o pasado luns 25 de novembro e adiados por mor do pasamento dun familiar dun membro da Corporación Municipal.

Concesión da Medalla de Ouro do Concello de Ribeira á Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño
A convocatoria deste Pleno Extraordinario tiña un único punto na orde do día que era a “Concesión da Medalla de Ouro do Concello de Ribeira á Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño” coma recoñecemento ao labor desenrolado nos seus cen anos de historia consolidándose coma referente económico , social e cultural do noso municipio.

Ca presenza no acto do actual Patrón Maior da confraría, José Antonio Santamaría aprobouse por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro para a xa centenaria Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.

O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, subliñou “lamentamos que a proposta non fora posta en común en consenso por tódolos membros da Corporación”, tamén fixo referencia a instrumentalizar politicamente este tipo de actos para sacar rédito político; e salientou que “as futuras iniciativas institucionais sexan consensuadas para que o rédito político non empaña o propio espírito solemne do propio acto”.

O primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, manifestouse na mesma liña a respecto do consenso e cualificou de “oportunismo” dita concesión. Recordou que “no anterior mandato falárase de facer e traer nomeamentos e distincións ao pleno unha vez consensuado con tódolos grupos” e engadiu “recórdolle que sempre houbo unha norma non escrita que tódolos nomeamentos e distincións se acordarían con tódolos grupos para evitar debates innecesarios, en palabras do anterior rexedor”.
Vicente Mariño tamén recordou un episodio do pasado que tiña que ver coa decisión do corte da concesión da ameixa e navalla polo libre marisqueo na Ría de Arousa “un problema que segue igual e que ocasionou grandes repulsas e protestas por parte dos mariscadores de Aguiño xa que a confraría quedou sen un anaco da concesión inicial”. Mariño resaltou que dita
concesión da medalla está embazada por aqueles sucesos que lembran os veciños de Aguiño pero “loxicamente o PBBI non oporá a dita concesión”.

A concelleira Cruz Rivadulla argumentou que a confraría que a confraría de Carreira e Aguiño, dende a súa fundación en 1924, axudou a vertebrar o territorio, desenvolveu un labor social e xerou un modo de vida grazas ao cal hoxe somos o que somos. Tampouco podemos esquecer que foi unha entidade que axudou a velar polas nosas costas e protexer un medio que dá de comer a centos de persoas no noso concello. Rivadulla apelou á falta de consenso e falou de oportunismo político, “algo nunca feito até este momento”.

O alcalde, Luís Pérez Barral, manifestou que non quere empañar esta votación por respecto ao propio acto, pero para futuras condecoracións institucionais haberá que consensualas por garantía institucional e “e o noso compromiso é seguir apoiando o sector do mar”.

Aprobación de recoñecemento extraxudicial de crédito e aprobación inicial do suplemento de crédito
Aprobáronse os dous puntos con 11 votos a favor grazas aos votos de BNG, PBBI e PSdG e 10 abstencións do PP. O informe de Intervención repara a realización dos gastos por omisión de requisitos e trámites esenciais, en concreto a inexistencia de crédito suficiente e axeitado no momento de realizar o gasto. Para proceder ao pagamento o Pleno levantou o reparo continuando coa tramitación do expediente e aprobando o recoñecemento 3/2024, cunha contía de 172.598,34 euros e recoñecer a obriga nas aplicacións correspondentes.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, argumentou que dito suplemento de crédito se inclúen os servizos prestados dende moi atrás sen crédito orzamentario. Servizos que foron prestados no seu día, con facturas que veñen de atrás dende o 2019 sen certificar e facturar. Por exemplo 23.466 euros, da actuación lavadoiro de Artes, a factura polo bombeo (bypass) no paseo marítimo Coroso polo colector de augas residuais, 4.919 euros pola valla de madeira no Parque da Rochela en Palmeira, traballos de drenaxe Palmeira, casetas do polideportivo da Fieiteira, facturas nas actuacións de festas de verán nas parroquias de Ribeira, 16.000 instalación baños públicos na Dorna… Pouso concluíu dicindo “que a xente que traballa ten que cobrar”.

O edil Suárez-Puerta informou que é unha ampliación de crédito consensuada e enumerou unha listaxe de gastos derivada dos festexos e comunicou que “co orzamento anterior non era viable e tivo que pagarse en base ao remanente, e que non se entenda mal; que non se vai a pedir ningún préstamo”. Tamén informou que o Concello ten que facer fronte ás diferentes multas por ocupación de Portos por mor dos diferentes festexos por valor de 53.000 euros.
Modificación do contrato de xestión dos servizos públicos de abastecemento de auga potable e saneamento do concello de ribeira, reequilibro económico do contrato subscrito con Viaqua, SAU e da revisión de prezos para os anos 2021 a 2024

Estes puntos foron aprobados por unanimidade.

O alcalde Luís Pérez Barral, introduciu o debate afirmando que basicamente consistía na inclusión duns bombeos que se foron facento ao longo de tempo e que non estaban recollidos nese contrato ao tempo que se procedeu á eliminación de puntos que xa non están en uso, “polo tanto adecuar a realidade do contrato á actual que temos hoxe en día no sistema”. En segundo lugar o reequilibro do contrato con Viaqua; coa revisión extraordinaria deribada da modificación de este contrato e unha segunda cuestión en referencia á compra da auga do Ulla.

Ribeira abastécese basicamente do río Sieira, regatos de Palmeira e a auga do río Ulla que ten un custo superior ao do rio Sieira. Por dilatacións da Xunta á hora de concedernos un maior volume de auga do río Sieira estamos tendo que pagar moito máis do que deberíamos deste contrato. Alén das revisións extraordinarias tamén hai unha ordinaria aplicable do 2021 a 2024. Estas revisións supoñen un saldo a favor de Viaqua de 473.000 euros.

A edil de Facenda explicou polo miúdo a actualización do contrato, enumerou unha listaxe dos bombeos e traballos realizados, na que as cuantías máis importantes son as da EDAR de Bretal e do Touro. A concesionaria recorreu para incluír novos bombeos que se irán incorporando cando estean operativos. Pouso afirmou “impórtanos a subida de prezos, buscamos o reequilibro de contas e gastos. Nivelar o que se carga aos veciños e a retribución á concesionaria”.

Revisión do prezo do contrato mixto de suministros e de servizos para a prestación do servizo integral de iluminación pública exterior do concello de ribeira subscrito con Ferrovial Construcción, S.A. para os exercicios 2023 e 2024.

Aprobouse por unanimidade este servizo adxudicado a empresa Ferrovial dende o ano 2015 o vindeiro ano rematará o contrato co Concello de Ribeira e actualmente con esta revisión dos prezos do 2023 e 2024 que lle corresponde por lei, deixa unha diferencia a favor da empresa duns 195.000 euros. Segundo informou o rexedor, a partir do ano próximo terase que mirar como se vai a xestionar este servizo e procurarase mellorar o mantemento do alumeado público exterior sabendo que hai actualmente moitas necesidades que ao longo destes últimos anos non se estiveron tendo en conta como os reforzos de iluminación que a veciñanza solicita para evitar as zonas de penumbra.
Liquidación do contrato de concesión e obra pública para a construción, xestión do aparcamento da praza do Centenario e aprobación inicial do crédito 2/2024.
Aprobouse por 11 votos a favor de BNG, PBBI e PSdeG e 10 en contra do PP os puntos despois do debate no que se abordou a traxectoria e o actual contexto de remunicipalización do aparcadoiro do Centenario; a liña do tempo chegou ao seguinte punto de liquidación para determinar o importe resultante da liquidación do contrato de concesión e obra pública para a construción e xestión do aparcamento da Praza do Centenario.

O informe emitido servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira, en data 14/11/2024 propón estimar parcialmente as alegacións presentadas por Lorenzo Hernando Juan Manuel, en representación de PROMOCIONES INMOBILIARIAS DEL PISUERGA, S.A (R.E. nº 202425705, de data 15/10/2024), referidas á normativa aplicable e á base de cálculo nos termos recollidos no informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira. Desestimar as alegacións restantes presentadas e rexeitar a apertura do período probatorio de acordo cos fundamentos xurídicos do informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira.

De acordo aos importes calculados no informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira, o importe sería de 1.614.065,02 euros polo que a Corporación votou a aprovación inicial do crédito extraordinario 3/2024. A esta cifra haberá que
engadir o importe dos xuros de demora, tomándose como data aproximada de abono o 30/12/2024, resultando un importe de 198.996,37 euros.

A edil Cruz Rivadulla salientou que a xestión de foi un erro, despois de repasar a cronoloxía de dita privatización que tiña unha concesión por 50 anos e enumerou todos os investimentos que o goberno local está realizando tales como a renovación da maquinaria, solucionar as humidades ou adxudicar o Servizo de conserxería 24 horas, para mellorar ese aparcadoiro.“Dende o goberno local faremos os esforzos necesarios para levar a bo porto esta remunicipalización” sinalou.
O alcalde defendeu que o goberno local vai velar polo interese xeral e defenderá os recursos públicos fronte os intereses da empresa. Barral argumentou que coa municipalización feita polo Goberno local “agora a veciñanza de Ribeira pode desfrutar do aparcadoiro máis barato da Barbanza e un dos máis baratos do país”. Esta idea reforzouna Herminia Pouso que dixo que a municipalización permitiu poñer prezos asumibles mentres que Suárez-Puerta exemplificou a privatización desta infraestrutura foi “un exemplo do que non debe facer porque se ve o resultado”.

Modificación da ordenanza fiscal xeral do Concello de Ribeira

Aprobada por unanimidade a modificación que permitirá á veciñanza facilitar o fraccionamento e o aprazamento de obrigas tributarias e débedas, agás incumprimentos. Grazas a esta modificación poderanse examinar os casos de forma personalizada para a realización dos pagamentos dependendo da capacidade da veciñanza.

Outros asuntos

Unanimidade para a proposición sobre a necesidade de seguir avanzando no proxecto de derrubo dunha vivenda en Romero Ortiz. O edil de Servizos Sociais, Vicente Mariño, en referencia ao recente desaloxamento realizado nas Avesadas recriminou á oposición que “fagan alarma dos casos de ocupación, nós non presumimos desta actuación, o que fixo este goberno é poñerse a traballar para acelerar o proceso de desafiuzamento e estamos traballando noutros focos”.
O rexedor sinalou que “ non se debe utilizar este tema con rédito político senón que é un problema social e de saúde no que se traballa de maneira conxunta entre Servizos Sociais, UCA e Policía para solucionalo, “deberiamos estar xuntos nun tema tan sensible e importante”.

Aprobouse por unanimidade unha emenda do BNG, PBBI e PSdeG coa que o grupo de Goberno lembrando o compromiso firme co comercio local, un sector fundamental para a dinamización económica do noso concello, para a creación de emprego e para o benestar das familias que viven dos seus negocios. Segundo informaron os grupos este ano o bono comercio farase nun momento de baixo consumo e de acordo cos comerciantes. Segundo detallou a concelleira de Promoción Económica, Veva Betanzos, “é un claro exemplo de como se pode apoiar de forma efectiva este sector, estimulando o consumo en proximidade e xerando un impacto económico positivo para os nosos negocios”.
A tensión dialéctica entre oposición e goberno comezou a subir cun cruzamento de reproches até que finalmente o grupo do Partido Popular abandonou o pleno de forma vociferante sen que chegaran a votar a proposta.

Deja un comentario