Thursday 28 de November de 2024

As forzas de seguridade constatan un descenso dos delitos convencionais e un aumento dos cibernéticos


Todas as institucións representadas na xunta coinciden na preocupación polo elevado número de casos activos de violencia de xénero

A delincuencia en Carballo está nos mesmos niveis que en calquera outro concello da súa categoría. Asegurouno o coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Fernando Pedreira Lata, e corroborárono os representantes das forzas de seguridade, emerxencias e intervención social presentes na xunta local de seguridade, que se celebrou hoxe na casa do concello.

Ademais do coronel, na sesión, presidida polo alcalde, Evencio Ferrero, participaron o capitán da 5ª compañía da Garda Civil de Carballo, Jesús Ramón Viaño Calviño, e o subtenente do posto principal de Carballo, Julio Manuel Blanco Lorenzo; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a vicesecretaria da Delegación, Eva Vázquez Castellano; o xefe da Policía Local, Pedro Cancela; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto; a directora do Centro de Información ás Mulleres, Nieves Castañón; o concelleiro de Policía, Juan Seoane, e os portavoces do PP e o PSOE, Rubén Lorenzo e Mª Carmen Vila.

A Garda Civil presentou un balance con aspectos positivos e negativos. Entre os primeiros destaca o descenso dos delitos nun 4% con respecto ao ano anterior, e que os que máis baixan son os “convencionais”, pero, pola contra, rexistrouse un incremento dos ciberdelitos, que pasaron de 210 a 236 e que xa constitúen case a cuarta parte dos delitos que se producen no concello. No ano 2023 a Garda Civil realizou 170 detencións. O índice de esclarecemento dos delitos mantívose na media dos anos anteriores, por riba do 40%. “É unha situación de seguridade normal para un concello do tamaño que ten Carballo”, asegurou o coronel.

O inspector xefe da Policía Autonómica, Alejandro Maceiras Bastida, informou tamén das actuacións realizadas polo corpo galego. Foron menos tamén que no ano anterior, con cifras “mellores que noutros concellos similares”, asegurou. Entre as 67 actuacións realizadas no que vai de 2024, o inspector xefe destacou os 14 dispositivos en colaboración coa APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) e 6 de natureza medioambiental.

Tanto a Garda Civil coma a Policía Autonómica destacaron o apoio do Concello de Carballo en diferentes ámbitos e a estreita colaboración coa Policía Local en aspectos como a vixilancia de 17 vítimas de violencia de xénero. O xefe do corpo municipal, Pedro Cancela, apuntou que, ademais das intervencións relacionadas coa delincuencia habitual, a Policía Local destina os seus principais recursos á mellora e o calmado do tráfico. Nese sentido destacan os 99 condutores denunciados por usar o vehículo baixo os efectos do alcohol e/ou das drogas.

Pola súa banda, o xefe de Protección Civil incidiu no descenso das intervencións nas praias a causa da meteoroloxía adversa, a busca de cinco persoas desaparecidos e o recente operativo realizado en Valencia, no que Javier Souto coordinou os efectivos da Costa da Morte. Precisamente, o alcalde quixo aproveitar a xuntanza para trasladar aos voluntarios “a súa dispoñibilidade de facer ese servizo tan humano e tan duro a nivel persoal”.

Violencia de xénero
Na xunta local de seguridade prestouse unha atención especial á violencia de xénero dados os preocupantes datos que se puxeron sobre a mesa. A subdelegada do Goberno apuntou que en toda a provincia hai nestes momentos 2.655 casos activos, 122 deles no noso concello: 27 con risco non apreciado, 62 de risco baixo, 32 de risco medio e 1 de risco alto. E ofreceu un dato máis: 44 deses 122 casos incorporáronse este ano ao sistema.

“É un problema estrutural”, asegurou María Rivas, e por iso aludiu á necesidade de seguir traballando dun xeito coordinado na prevención. “A coordinación é total”, recalcou a directora do CIM, desde o cal se fai un seguimento a 106 vítimas de violencia de xénero. A estas alturas do ano xa son máis que en todo o 2023, pero o especialmente preocupante é que afectan cada vez máis a menores. Nestes momentos, segundo os datos que ofreceu a subdelegada do goberno, hai 3 vítimas e un agresor menores de 18 anos.

Deja un comentario