Thursday 28 de November de 2024

O Pleno aproba un suplemento de crédito de máis de 1,8 millóns de euros para financiar actuacións en instalacións deportivas, no Pazo de Raxoi e na plataforma loxística de mercadorías


Na sesión ordinaria do Pleno municipal aprobouse cos votos a favor do BNG, Compostela Aberta e PSdG e a abstención do grupo popular, o expediente de suplemento de crédito 2024-SUPLE-09 por un importe total de 1.817.735,04 euros, financiado con baixas por anulación. Este expediente, que xa fora tratado na sesión plenaria extraordinaria do pasado 22 de novembro sen ser aprobado finalmente, destinarase a atender necesidades de crédito urxentes en actuacións financiadas con fondos Next Generation como as obras rehabilitación do pavillón de Vite e do complexo deportivo de Santa Isabel; as obras de renovación, limpeza e adaptación do Pazo de Raxoi, por 1.100.135,06 euros e para as obras da plataforma loxística de distribución de mercadorías no casco histórico, por 717.599,98 euros. A Corporación municipal tamén acordou de xeito unánime a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) na parcela SU-4 de Área de servizos urbanos de Amio.

Sesión plenaria de hoxe
Na súa intervención, a alcaldesa Goretti Sanmartín congratulouse de que estes catro proxectos financiados con fondos europeos “moi importantes para a cidade” acadasen o apoio orzamentario para continuar adiante. “É unha boa noticia que eses proxectos se leven a cabo”, destacou a rexedora que agradeceu ao grupo socialista o voto afirmativo.

Asemade, Goretti Sanmartín expresou o seu desexo de que se manteña o compromiso cun “proxecto que para este Goberno é importante, como é do proxecto para construír unha cociña escolar, un proxecto refrendado polas ANPA e polo conxunto da comunidade educativa e que está no espíritu da Axenda 2030″.

Goretti Sanmartín defendeu o diálogo do Goberno municipal co obxectivo de aprobar o expediente “polo ben da poboación” e esixiu esta mesma vontade para dotar do orzamento necesario o proxecto dos comedores escolares “para que tamén poida ser unha realidade e tamén se cumpra co conxunto da veciñanza de Santiago”.

Pola súa banda, o concelleiro de Facenda, Manuel César, detallou que na nova proposta de expediente aprobada hoxe introdúcese como principal novidade a baixa dunha partida prevista para mudar o modelo de comedores escolares coa dotación dunha cociña. “Un proxecto do que este Goberno fixo causa porque ten o obxectivo de mellorar a calidade da alimentación nos colexios, apostando pola produción alimentaria de proximidade” e aludiu á responsabilidade do Goberno municipal para chegar a un acordo coa oposición no novo expediente aprobado xa que “a prioridade agora mesmo é dotar estes catro proxectos. Somos consecuentes con esa necesidade”.

Manuel César tamén puntualizou que “a necesidade de crédito nada ten que ver coa xestión dos fondos europeos que realiza este goberno” e recordou que as partidas necesarias para a urbanización exterior da Plataforma Loxística, a redacción do proxecto e a dirección facultativa da obra do Pazo de Raxoi ou para arranxos fundamentais das instalacións deportivas de Vite e Santa Isabel non estaban contempladas “polo que agora hai que suplementalos”.

Os grupos municipais tamén deron o seu apoio á aprobación do expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito para aprobar gastos rexistrados na conta 413 e outros gastos por un importe total de 110.563,03 euros.

Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) na parcela SU-4 de Amio

O Pleno municipal tamén acordou de xeito unánime a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) na parcela SU-4 de Área de servizos urbanos de Amio.

A aprobación deste instrumento, que define tres zonas edificables na área ocupada actualmente polo mercado de gando de Amio, permitirá graduar a edificabilidade, de forma que se concentre sobre todo na zona norte para crear unha fachada urbana (avenida do Cruceiro da Coruña). A zona central será máis branda e incluirá unha zona verde, na que se permitirán edificacións auxiliares para usos deportivo, ocio e de restauración con determinadas condicións, co obxectivo de mellorar a calidade urbana e de ofrecer un espazo de esparexemento as persoas traballadoras do polígono.

Nesta mesma liña, as normas de urbanización deste Plan inclúen unha serie de criterios que haberá que seguir nos proxectos de urbanización para garantir unha adecuada xestión do ciclo da auga, para facilitar o mantemento dos espazos urbanizados e para asegurar suficientes elementos de sostibilidade, calidade e habitable (que afecta a cuestións como a permeabilidade dos pavimentos, calidade dos materiais, reciclaxe dos materiais, vexetación, verde urbano etc.

Outros asuntos

Tamén foron aprobadas por unanimidade as proposicións presentadas polo grupo municipal popular para solucionar os problemas de convivencia vinculados aos locais de lecer nocturno e para a revitalización da Praza de Abastos, e as mocións presentadas polo PSdeG-PSOE relativas ás melloras reclamadas pola asociación veciñal Aba do Pedroso, para a recuperación da campaña de animación á lectura, para o apoio á Asociación de Dano Cerebral de Santiago de Compostela e fomento da plena inclusión, e as mocións presentadas polo PP para a reparación, limpeza, substitución de elementos e posta en funcionamento do parque infantil e pista deportiva de Cornes, para a elaboración dunha estratexia municipal de discapacidade e para a restitución dos colectores e servizo de recollida de lixo na Costa do Vedor.

Deja un comentario