Hoxe é o derradeiro xoves do mes de novembro. Día no que toca pleno ordinario do Concello de San Sadurniño. A partir das 19:30h empezarán a tratarse unha ducia de cuestións sinaladas na orde do día da convocatoria, das cales un total de nove van na denominada parte resolutiva, é dicir, aquela na que se expoñen os temas para logo debatelos e, finalmente, votalos. Coma sempre, a sesión comezará coa aprobación, se procede, da acta do anterior pleno para, deseguido, meterse nos temas principais: a resolución do expediente de responsabilidade patrimonial dos concelleiros que asinaron o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño, a actualización segundo o IPC das ordenanzas municipais de cara ao 2025, a modificación da ordenanza da recollida do lixo e varios cambios na Relación de Postos de Traballo do Concello. Na relación de asuntos tamén van catro mocións presentadas antes da confección da orde do día e, por tratarse dunha sesión ordinaria, tamén o apartado final de rogos e preguntas. Salvo inconvenientes técnicos, o pleno poderá seguirse ao vivo a través da canle de youtube do Concello -compartida en Facebook-, onde tamén quedará gravado para consultas futuras.
Este último pleno ordinario de 2024 vén cargado de temas que, en principio, poden dar de si moito debate, empezando polo relativo á acción de regreso do expediente sobre a responsabilidade patrimonial do grupo de goberno que asinou en 2007 o convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño que permitiu poñer a disposición da Xunta os terreos para construír o Centro de Día. Un convenio anulado anos despois e que acabaría na Xustiza para dilucidar o importe co que o consistorio debía compensar aos propietarios e propietarias das parcelas.
Como se recordará, as edís do PP María Belén Trigo Meizoso e Esther Díaz Vergara esixiron en 2021 que o custe dos terreos determinado polo xulgado fose asumido polos membros do bipartito BNG-PSOE daquel entón, dos que hoxe só seguen na corporación o alcalde, Secundino García, o concelleiro Manolo Varela e a portavoz, Mari Carme Muíño.
Despois de abrir un período informativo, o pleno acordou non iniciar o expediente, ao considerar tanto o secretario municipal como a asistencia xurídica externa contratada polo Concello que na actuación do alcalde e dos concelleiros non houbera “dolo, culpa ou neglixencia grave”. As dúas concelleiras acudiron ao xulgado e, en primeira instancia, o Contencioso Administrativo avalou a decisión que tomara o pleno municipal de non iniciar ningún expediente.
Belén Trigo e Esther Díaz apelaron entón ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia quen, desta vez si, fallou que o pleno municipal debería ter iniciado o expediente, aínda que sen pronunciarse ao respecto do seu contido nin tampouco sobre como debería resolverse. En cumprimento da sentenza, de carácter firme, o pleno aprobou en maio deste mesmo ano poñer en marcha o procedemento administrativo correspondente, cuxo resultado será o que se someta hoxe a debate e votación.
A proposta que se exporá na sesión é en certo modo unha volta á casiña de saída, posto que a resolución -precedida dun detallado informe xurídico e técnico- considera que “non existiu dano ou lesión” ao Concello e que, polo tanto, tampouco concorren os requisitos para esixirlles responsabilidade aos membros do goberno local de 2007. O acordo tamén propón desestimar as alegacións de Esther Díaz Vergara e María Belén Trigo Meizoso.
Ordenanzas e varias mocións
Alén desta cuestión de apertura, o pleno tamén votará o acordo conforme os prezos e taxas recollidos nas ordenanzas municipais se actualicen no 2025 segundo o IPC. Ademais tamén se tratará a nova redacción da ordenanza reguladora da taxa pola recollida e xestión de residuos domésticos.
O documento, precisa aínda máis os conceptos da cota tributaria para axeitarse á realidade e as necesidades de prestación do servizo. A nova ordenanza baséase nun estudo de custes que cifra o gasto anual en máis de 126.000 euros, incluída nesa contía a subida dun 20% decretada unilateralmente pola Xunta e SOGAMA. Unha subida que se trasladará ás cotas tributarias correspondentes, aínda que o articulado tamén recolle bonificacións, como unha redución do 10% no recibo se se fai compostaxe e outro 10% se os ingresos da unidade familiar non superan o SMI e, de feito, ambos serán acumulables (un desconto do 20%).
A ordenanza tamén introduce como novidade a posibilidade de que os establecementos ou actividades que coincidan na vivenda habitual só paguen unha taxa.
Tras este asunto -posiblemente o que xere máis debate- o pleno tamén tratará a modificación da RPT do Concello acordada coa parte social na mesa de negociación para redefinir varios postos e, posteriormente, entrará no apartado das mocións.
Na semana do 25N dúas delas, unha presentada individualmente polo PSOE e outra en conxunto co BNG, reclamarán máis compromisos, máis prevención e máis accións institucionais para acabar coas violencias machista. BNG e PSOE tamén asinaron conxuntamente a moción instando á Xunta a crear unha unidade de rehabilitación cardíaca na área sanitaria de Ferrol.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.