Thursday 28 de November de 2024

O Nadal pobrense volve agasallar co sorteo de 200 caramiñas diarias e unha viaxe familiar a Eurodisney


Época de Nadal, época de agasallos e o Concello da Pobra do Caramiñal sorteará novamente 200 euros diarios en formato de vale/caramiñas para trocar nos 40 negocios adheridos, ademais da viaxe familiar a Eurodisney para catro persoas que patrocina a empresa Congalsa. A concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, reafirmou a aposta pola campaña baixo o lema Volta o Nadal, voltan as Caramiñas dado o “éxito de participación do ano pasado.” Valorou, polo tanto, positivamente o resultado, cumprindo así co obxectivo marcado de dinamización económica e social do municipio por estas datas. Ademais, “constatamos que é un bo método para aproximar á mocidade ao comercio local físico, tan acostumada a face-las compras en plataformas online”, apuntou.

No que respecta á dinámica, a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, explicou que segue a liña do anterior ano, orientada ás redes sociais. O período de participación abrangue do 1 de decembro ao 5 de xaneiro. Consistirá en sacar fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal situados na Covecha, no Fogar do Nadal (Casa Mariñeira), no parque de Raquel Fernández Soler, na praza dos Irmáns Axeitos, no Cantón da Leña, na praza Victoriano García Martí e na praza de abastos. As instantáneas compartiranse no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @caraminhasnapobra. En caso de te-lo perfil privado, haberá que face-lo mesmo proceso e, a maiores, enviar unha captura de pantalla da historia á dita conta da rede social para que así se contabilice para o sorteo.

Dunha banda, sortearanse diariamente 200 euros en caramiñas entre os días 1 e 31 de decembro. Cada xoves daranse a coñece-los nomes das persoas gañadoras que participaron dende a semana anterior e os vales de compra poderanse recoller cada sábado no Fogar do Nadal, en horario de 10.00 a 13.00 horas.

E ata o día 5 de xaneiro existe a posibilidade de gaña-la viaxe a Eurodisney entre tódalas imaxes captadas dende o inicio da actividade. A este respecto, a directora de Relacións Externas de Congalsa, Isabel Cañas, manifestou que se continúa así na senda de apoia-las iniciativas da Administración local como parte da súa Responsabilidade Social Corporativa para que a súa aportación á sociedade pobrense vaia máis alá do factor económico.

Deja un comentario