Nereida Canosa e Ricardo Iglesias presentaron a cita, que terá lugar o vindeiro 3 de decembro, ás 12.00 horas, na explanada do Parrote
Esta mañá, a Concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, presentou a novena edición da iniciativa “Baixo o mesmo paraugas”, un evento que busca visibilizar e reivindicar os dereitos das persoas con discapacidade. Xunto con Ricardo Iglesias, xerente de ASPACE-Coruña, a concelleira explicou que o acto principal terá lugar o vindeiro 3 de decembro, Día Mundial da Discapacidade, ás 12.00 horas na explanada de O Parrote. En total, máis de 100 entidades e organizacións uniranse para alzar os seus paraugas como símbolo de apoio, solidariedade e compromiso cunha sociedade máis inclusiva e igualitaria.
O acto estará conducido polos presentadores Fran Rei e Corina Alfonso e contará coa intervención da alcaldesa, Inés Rey. Lerase un manifesto realizado por catro persoas con discapacidade e un alumno/a dun colexio. Ademais, o evento incluirá unha interpretación musical da canción “Unha marea de xente”, que animará ao público a alzar os seus paraugas como símbolo de inclusión e diversidade. Como colofón, o público poderá desfrutar da actuación musical de Poten100mos e Silvia Penide, rematando o evento arredor das 13.00 horas.
Durante a presentación, Canosa destacou a importancia desta iniciativa, que comezou en 2016 grazas ao impulso de ASPACE Coruña e 24 entidades: “Desde entón, “Baixo o Mesmo Paraugas” converteuse nun referente de unión e forza colectiva, mostrando que a inclusión é un dereito irrenunciable e non só un ideal” sinalou. A edil reivindicou o compromiso do Goberno de Inés Rey coas entidades sociais, dedicando máis de 3 millóns de euros a programas e proxectos sociais a través de convenios colaborativos con entidades.
Canosa chamou á cidadanía a participar no evento como mostra do compromiso da cidade coas persoas con discapacidade: “Unámonos nesta marea de diversidade porque cada paraugas aberto é unha voz máis na defensa da igualdade e da dignidade”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.