O evento terá lugar este sábado 30 de novembro, ás 20h, no Pavillón A Xunqueira de San Valentín
A cita salienta o carácter multidisciplinar do deporte fenés e recoñece traxectorias destacadas
O Concello de Fene celebrará este sábado, 30 de novembro, a IV Gala do Deporte de Fene. Un evento que reunirá a máis de 150 deportistas e entidades que serán homenaxeadas con arredor de 100 distincións, como recoñecemento do seu esforzo, dedicación e contribución ao desenvolvemento da práctica deportiva.
O concelleiro de deportes, Adán Chao, subliñou que esta Gala é “unha celebración que pon en valor o deporte fenés, tanto no eido individual como colectivo”. “É un acto de recoñecemento aos valores que transmiten as e os nosos deportistas, ao seu esforzo e á súa capacidade de superación, pero tamén unha mostra do carácter diverso e dinámico do deporte no noso concello”, engadiu Chao.
A Gala, que celebra a súa cuarta edición, destaca pola súa ampla representación de disciplinas deportivas, entre as que figuran atletismo, atletismo de montaña, automobilismo, baile, baile deportivo, ciclismo e BTT, fútbol, fútbol sala, judo, karate, kickboxing e taekwondo, motociclismo de velocidade, natación, piragüismo, remo, skate e surf, tenis e ximnasia artística. Ademais, o evento fará un recoñecemento especial a traxectorias deportivas significativas.
Tal e como viña establecido nas bases da convocatoria, publicadas o pasado 15 de outubro na web municipal, este recoñecemento abrangue deportistas empadroados en Fene e tamén deportistas doutros concellos que leven tres ou máis anos competindo en clubs ou entidades fenesas.
As persoas interesadas en asistir ao acto poderán facelo de forma libre e gratuíta, para apoiar e acompañar aos deportistas locais nesta xornada de celebración.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.