Wednesday 27 de November de 2024

O Pleno de Brión aproba dúas modificacións de crédito de 1,1 millóns de euros para o pago de actuacións realizadas para que poidan pagarse antes de que finalice o ano


O Concello de Brión celebrou este mediodía unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobaron dúas modificacións de crédito con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería para Gastos Xerais por un importe de 1.168.000 euros. Unhas partidas que servirán para abonar actuacións realizadas en materia de obras e servizos antes de que finalice este ano e que foron aprobadas cos 6 votos a favor do PSOE e as 5 abstencións de PP (3) e BNG (2).

A primeira modificación consiste nun crédito extraordinario de 500.000 euros, mentres que a segunda é un suplemento de crédito doutros 668.000 euros. Neles figuran gastos moi diversos, dende obras como os 114.000 euros para o arranxo urxente de pistas municipais, os 43.000 euros para repoñer o parque infantil de Agronovo, actuacións de mellora do saneamento (36.000 euros) ou a mellora do alumeado na Telleira (21.000 euros) ata actuacións de mellora en instalacións municipais (gardería, local da Policía local…) e actividades culturais.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “todo o que se fixo foi en beneficio dos veciños e veciñas, se ben recoñezo que podería terse feito mellor. Asumo a miña responsabilidade e, como dixen anteriormente nas reunións mantidas cos grupos parlamentarios, este non é o camiño que quero seguir. Esforzarémonos moito máis para facer as cousas mellor”.

O voceiro do BNG, Xosé Manuel Penas, pediu a palabra para xustificar a abstención do seu grupo: “abstémonos por lealdade institucional, que nos impide votar en contra para non crear máis prexuízos ás empresas que fixeron estas actuacións”. Un voto que condicionou “a contar con toda a información do procedemento”.

Neste sentido, o alcalde brionés comprometeuse ante o Pleno a que “todo se fiscalizará e se xustificará. E a partir de agora imos traballar para facer as cousas moito mellor”, unha tarefa na que contará coa axuda do novo Interventor municipal, cuxa incorporación o pasado mes de outubro pon fin a varios anos de interinidade nun posto clave na xestión municipal.

Deja un comentario