Monday 02 de December de 2024

“Compostela prende o Nadal” este venres co acendido do alumeado que dá inicio ás Festas


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas; e a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, avanzaron esta mañá o programa das Festas de Nadal que retoma este ano a marca “Compostela, a estrela do Nadal”, inspirada na simbólica estrela de oito puntas de Santiago. Este novo programa aglutina máis de 300 actividades para todos os públicos e en diferentes barrios e parroquias co obxectivo de converter estas festas no “Nadal da participación”, no que veciñanza e visitantes gocen de Compostela a pé de rúa “apostando pola diversidade, pola dinamización da actividade comercial e cultural”.

Presentación do programa de ‘Compostela. A estrela do Nadal’
A alcaldesa explicou que as festas máis “ilusionantes do ano” volven por segundo ano consecutivo baixo a marca “Compostela, a estrela do Nadal” cun obxectivo común, no que estan a traballar todos os departamentos municipais,que é de facer “o mellor Nadal posible para veciñanza e visitantes, para todo tipo de públicos, para todas as idades, apostando pola diversidade, pola dinamización da actividade comercial e cultural, e estendendo os puntos de interese por todo o territorio”

A rexedora adiantou que o programa ofrecerá máis de 300 actividades, no que pretende ser o “Nadal da participación, no que a xente se implique de maneira activa, a pé de rúa, para gozar Compostela e non só para facer fotos, senón para partillar e para enriquecérmonos como comunidade”

Este ano mantense tamén a imaxe da estrela de oito puntas xa que “nos identifica colectivamente e que forma parte da nosa tradición e da nosa historia como cidade acolledora e universal”, salientou a alcaldesa. Con este fío condutor, dáselle continuidade á iniciativa dos xardíns de 8 puntas como espazos con diferentes elementos que buscan “incentivar a capacidade creativa das crianzas”, coa praza do Obradoiro como punto central.

Outros dos espazos principais de actividades serán a praza Roxa, a Alameda, a carreira do Conde e os centros socioculturais cun nutrido programa de actividades e obradoiros. Non faltarán iniciativas tradicionais como a ruada do Apalpador, a Carreira de San Silvestre, a festa de Fin de Ano e a tradicional Cabalgata de Reis, que serán presentadas nas vindeiras semanas. O Auditorio de Galicia tamén acollerá o vindero 21 de decembro a Festa do Apego.

Compostela prende o Nadal

A alcaldesa avanzou que este vernes, 29 de novembro, darase inicio ás Festas coa celebración do acendido do alumeado, baixo o nome “Compostela prende o Nadal”. Esta festa comezará ás 18:30 horas con dúas ruadas de música que guiarán Brincadeira, con saída da Porta do Camiño, e Cantigas e Agarimos, desde a Carreira do Conde. No percorrido destas ruadas, haberá paradas na praza de Cervantes e na praza do Toural, para prender a iluminación nestes dous espazos e ir recollendo estrelas.

A rexedora adiantou, que xa no Obradoiro a partir das 19 horas terá lugar un espectáculo de animación da Compañía Pablo Méndez con varias figuras xigantes de luz e as actuacións da soprano Esperanza Mara e de DJMil, como antesala do momento do acendido da árbore e da fachada do Pazo de Raxoi. A Festa pecharase cunha chocolatada para todas aquelas persoas que se acheguen á praza.

Tamén explicou que o programa leva dúas páxinas recortables e instrucións para construír unha estrela de oito puntas así como un tutorial na canle de youtube do Concello sobre os pasos a seguir para presumir de estrela pero tamén “de cidade, de Concello e de Nadal”.

Comercio e Xuventude

Pola súa banda, a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, reivindicou unhas Festas de Nadal que “se convirtan nas festas de referencia de Santiago” e nas que “todos os veciños e veciñas de Compostela teñan ducias de motivos para sairen ás rúas e desfrutar das diferentes opcións que poñeremos en marcha ao longo deste mes de decembro”

A primeira tenenta de alcaldesa fixo un avance das principiais propostas de ocio desenvolvidas polas áreas de comercio e a xuventude, da que destacou que son “actividades para públicos moi diferentes, con especial atención á infancia e á mocidade” que tamén buscan a “dinamización comercial” nestas datas, para que a xente se anime a percorrer as rúas de Santiago e se achegue ao “pequeno comercio local que axuda a facer cidade”.

Con este obxectivo mantéñense as dúas carpas da Alameda e na Praza Roxa, preto das zonas comerciais do Ensanche e da cidade histórica. No caso da praza Roxa, a carpa estará instalada desde este venres, 29 de novembro, e acollerá múltiples actividades para un público familiar, como contacontos, obradoiros, teatro, concertos infantís…Retómase tamén a iniciativa Son Xove con concertos dos grupos do Centro Xove nas tardiñas dos venres e as sesións vermú dos sábados. A praza Roxa contará cun Tren de Nadal para os/as máis pequenos/as.

Tamén para a cativada, a Alameda acollerá “Alameda en Xogo”, un espazo que funcionará no período de vacacións escolares, do 20 de decembro ata o 7 de xaneiro, salvo os días festivos, en horario de mañá e tarde, con distintas propostas para crianzas como pista de xeo ecolóxica para os máis pequeño, rocódromo, piscina de bolas de neve, e moitos xogos máis. María Rozas tamén adiantou como novidade para este ano sesións de cinema para todos os públicos na mesma carpa.

María Rozas salientou que para incentivar as compras no pequeno comercio da cidade, tamén haberá este ano a ruleta de agasallos “Eu Merco Aquí” tanto na Praza Roxa como na Alameda, coa que se repartirán agasallos entre todas as persoas que se acheguen cun tícket de compra no comercio local, así como actuacións itinerantes e pasarrúas polas zonas comerciais de Compostela.

Ademais, a Carreira do Conde acollerá o xa tradicional Mercado de Nadal que estará aberto desde o 29 de novembro, e o 5 de xaneiro, e que se complementará co mercado de Área Central do 20 de decembro ao 5 de xaneiro. “Como é habitual, en Carreira do Conde haberá tamén un espazo infantil con actividades e obradoiros para os máis pequeño”, engadiu María Rozas.

Centros Socioculturais

María Rozas tamén avanzou que a rede de Centros Socioculturais de Santiago ofrece un amplísimo programa de actividades tanto para a cativada como para persoas adultas con obradoiros, espectáculos e as míticas visitas de paxes reais e apalpadoras. A concelleira de recordou que para moitas destas iniciativas o prazo de inscrición previa comeza hoxe, 27 de novembro, e poderá facerse nos propios centros.

Outras novidades

Pola súa banda, a concelleira de Festas anunciou que este ano iluminaranse un total de 129 rúas e prazas, “un número similar ao do ano pasado, mais hai algunhas novidades na iluminación dos edificios”, como a volta da iluminación á fachada do pazo de Raxoi tras as obras do ano pasado, e que virá acompañada dun “espectáculo de luz do que non queremos desvelar moito para manter a sorpresa ata o venres”.

Tamén contarán con iluminacións especiais as fachadas da Casa do Cabido en Praterías, da Zona C na praza de Cervantes, o Teatro Principal, a sede do Consorcio de Santiago e a praza da Quintana. O paseo da Ferradura, no tramo que vai desde a Porta dos Leóns ata o miradoiro do Banco dos Namorados, e a contorna de Bonaval, tamén lucirán intervencións lumínicas “que terá como motivo central as estrelas de oito puntas”. A praza de Galicia, praza Roxa, Xoan Carlos I, As Cancelas, Porta da Pena, as rotondas de acceso á cidade, así como 23 puntos das parroquias contarán con motivos ou conxuntos de elementos de luz singulares.

Pilar Lueiro tamén explicou que os xardíns das 8 puntas estarán situados este ano, ademais da praza do Obradoiro, no barrios do Castiñeiriño, Sar, As Fontiñas, Vista Alegre, Santa Marta, Conxo, a Pastoriza e na Cruz de San Pedro e convidou a todas as persoas que o desexen a bicarse debaixo do visgo e a usar estes espazos como fotocol “para presumir de barrio e de Nadal”. Ademais, anunciou que este ano unirase a iniciativa “o álbum dos bicos” coa instalación dun fotomatón que irá rotando polos diferentes xardíns as fines de semana para poder facer fotos que se poden subir ás redes sociais cos cancelos #biconovisgo #xardindasoitopuntas e #compostelaaestreladonadal.

Deja un comentario