A Pobra do Caramiñal dará a benvida ao Nadal co tradicional acto de acendemento do alumeamento e inauguración do belén municipal no 30 de novembro; unha data na que non faltarán as sorpresas.
Primeiramente, dous elfos animarán a praza Alcalde Segundo Durán, a partir das 18.30 horas, para ilumina-la árbore e que a luz se estenda a todo o municipio. Despois será o momento de desprazarse ata a praza do Emigrante para contempla-lo nacemento e desfrutar da chocolatada.
E, como novidade, incorpórase un concerto do Nadal. Gallaecia Small Band porá o toque musical á xornada, ás 20.30 horas, nos Xardíns de Valle-Inclán.
No relativo ao alumeamento, a concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos, explicou que se incrementa a ornamentación luminosa exterior, con especial énfase no núcleo urbano, se ben tamén se leva ás parroquias. A adxudicación recaeu en Iluminaciones Santiaguesa S.L. por un importe de 33.964’70 euros, con impostos incluídos. Así mesmo, a alameda engalánase con iluminación propia, para cuxa colocación a Administración local destina 15.000 euros.
A edil tamén quixo agradece-lo traballo, un ano máis, de María Sanmartín, xardineira e artífice do belén municipal que, nesta ocasión, contará tamén co talento artístico da rapazada do CAD mediante a confección dunhas casiñas.
Tamén interveu a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, quen fixo fincapé no aumento das partidas orzamentarias para, nestas datas, “desfrutar na rúa en comunidade.” A novidade da actuación musical redundará nun maior dinamismo do centro da localidade ao elixir un lugar tan concorrido, con establecementos hostaleiros e comerciais na contorna, marcando así o arranque da tempada do Nadal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.