A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o proxecto construtivo da nova pista multideporte da urbanización Breogán. A alcaldesa, Inés Rey, informoulle este luns ás veciñas e veciños dos principais detalles da intervención
Ademais, este mércores autorizouse a concesión de licenza a Repsol para derrubar os silos situados en San Diego, avanzando así no plan de liberación progresiva dos peiraos
O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, deu conta hoxe dos aspectos máis destacados aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local. Entre estes asuntos destaca a nova a ordenanza de Sistemas de Illamento Térmico Exterior (SITE), coa que o Goberno de Inés Rey busca establecer un marco regulador e tamén as condicións para intervir nas fachadas dos edificios á hora de implantar sistemas que incrementen a súa eficacia enerxética.
Neste sentido, a ordenanza estipula requisitos específicos para aqueles edificios que estean catalogados e tamén para os que, pese a non estar catalogados, contan nas súas fachadas con elementos de singular protección.
No caso dos edificios catalogados destácase que, con carácter xeral, non se permitirá instalar sistemas de illamento na cara exterior das fachadas dos edificios. Si haberá excepcións no caso, por exemplo, de intervencións que afecten a muros medianeiros, ás fachadas traseiras ou ás fachadas que dean a patios traseiros ou de quinteiro. Ademais, nos edificios situados no ámbito PEPRI, a concesión de licenza para intervir nas fachadas para acometer melloras de eficiencia enerxética deberá someterse ao ditame previo da Comisión Asesora.
No relativo ás intervencións de SITE en edificios non catalogados, o proxecto de ordenanza establece que, en xeral, permitiranse as actuacións sempre e cando o proxecto e tamén a
Nota de Prensa
intervención atendan a factores como o mantemento da composición e o cromatismo existente na fachada.
Ademais, as fachadas dos edificios que conten con elementos pétreos ou cerámicos que formasen parte do proxecto arquitectónico orixinal deberán reproducirse na actuación.
Lage precisou que “con esta medida, o Concello non pretende poñer trabas nin burocracia ás intervencións de mellora en materia de eficiencia enerxética, senón establecer as pautas necesarias e garantir a calidade arquitectónica da cidade, que xa é rica de por si e, por iso, debemos facer todo o posible por conservala, porque hai espazos, núcleos e barrios da Coruña que teñen a súa identidade. Trátase, á fin e ao cabo, de garantir certa coherencia estética nas actuacións previstas para manter o espírito da nosa cidade”.
Aprobado o proxecto da pista multideporte da urbanización Breogán
Ademais, hoxe rubricouse a aprobación do proxecto de construción da nova pista multideporte da urbanización Breogán, intervención á que o Concello destinará un investimento de case 300.000 euros. Este luns, tanto a alcaldesa como os concelleiros Manuel Vázquez e Juan Ignacio Borrego informaronlle á veciñanza sobre a actuación. O seguinte paso, unha vez que se aprobe hoxe o proxecto, será a saída a concurso dos traballos.
José Manuel Lage abundou hoxe nos principais detalles da pista, que estará localizada nunha parcela de titularidade municipal na rúa Antonio Casares Rodríguez. Lage lembrou que “a pista permitirá a práctica de deportes como baloncesto, fútbol e voleibol, sexa de forma independente ou simultánea, e as instalacións tamén contarán cun peche perimetral e un moderno sistema de iluminación na súa contorna”.
A previsión é que, tras a licitación e posterior adxudicación das obras, a execución das mesmas se complete en seis meses. Isto dálle continuidade á aposta do Goberno de Inés Rey por mellorar, reforzar e ampliar as dotacións deportivas existentes nos barrios da cidade, ás que se sumarán proximamente as novas pistas multideporte dos Rosales e A Silva, cuxas obras de construción xa están en fase de contratación.
“Esta liña de traballo verase reforzada tamén coa redacción do novo Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, que, como xa informamos días atrás, sairá proximamente a concurso”, recalcou Lage Tuñas.
Melloras na biblioteca municipal de Estudos Locais
O voceiro do Goberno municipal tamén informou hoxe de que a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto para substituír a tarima de madeira existente na ala noroeste do primeiro andar da biblioteca de Estudos Locais, en Durán Loriga.
As valoracións efectuadas previamente subliñaron que, pola deterioración e erosión experimentada pola tarima co paso do tempo, é necesario actuar para repoñela. A previsión do Concello é habilitar unha nova superficie de madeira de castiñeiro, que suporá un investimento de máis de 75.000 euros nunha das primeiras bibliotecas municipais que abriron as súas portas na cidade.
“A pioneira foi a da Sagrada Familia, e, non hai moito, tamén demos luz verde á licitación das obras para a súa ampliación, o que permitirá sumarlle unha nova sala polivalente ás súas dependencias actuais. O noso obxectivo é ir actualizando e mellorando todas e cada unha das instalacións das bibliotecas municipais atendendo as súas especificidades. As de Estudos Locais e a Sagrada Familia, abertas nos anos noventa, foron as que marcaron camiño ao resto de bibliotecas da rede, e a idea é ir adaptando cada un dos espazos existentes ás súas necesidades actuais”, precisou Lage.
Sumando os investimentos previstos nas bibliotecas municipais de Estudos Locais e Sagrada Familia, o
Concello destinará este ano máis de medio millón de euros a melloras na rede.
Licenza para derrubar os silos petrolíferos do peirao de San Diego
Noutra orde de asuntos, na rolda de prensa desta mañá fíxose balance das licenzas e comunicacións previas correspondentes ao período entre o 8 e 21 de novembro. Dun total de 187 expedientes, o Concello concedeu 48 licenzas e notificáronse 81 obras en réxime de comunicado.
A este respecto, entre os expedientes que recibiron o visto da área de Urbanismo destaca a licenza concedida a Repsol para que poida iniciar os traballos de desmantelamento dos seus depósitos en San Diego e tamén das súas naves de carbón nos peiraos próximos. “Esta intervención é fundamental para avanzar na liberación progresiva dos peiraos e traballar na recuperación e integración da fachada marítima no conxunto da paisaxe urbana da Coruña”, abundou Lage.
Melloras na igrexa de Santa María do Campo
Ademais, na Xunta de Goberno Local deste mércores autorizouse a concesión de licenza para que o arcebispado de Santiago poida intervir sobre a colexiata de Santa María do Campo, un ben patrimonial de estilo románico que forma parte da historia da cidade desde o século XII, sendo declarado Ben de Interese Cultural nos anos trinta.
Os estudos técnicos presentados indican que a edificación está, en xeral, en bo estado de conservación, “aínda que existen puntos onde se detectou deterioración dos materiais, polo paso do tempo e tamén por impacto das filtracións”, precisou Lage. Por iso, o arcebispado ten previsto actuar para restaurar a lanterna da igrexa, as carpintarías da fachada leste e tamén acometerá tarefas de impermeabilización e limpeza nos muros afectados por humidade e fungos.
A segunda fase das obras de climatización na Luís Seoane, adxudicada
A maiores, na Xunta de Goberno Local desta mañá adxudicóuselle á empresa Seranco a segunda fase de renovación do sistema de climatización e illamento da Fundación Luís Seoane, que permitirán solventar o problemas de filtracións que hai no inmoble desde hai máis dunha década. “O Goberno de Inés Rey comprometeuse a solucionar isto de xeito definitivo. Por iso, é necesaria a posta en marcha desta segunda fase de renovación do sistema de climatización, clave para o correcto funcionamento do mesmo”, indicou Lage.
Ademais, tamén se adxudicou o novo contrato para o control de aves no termo municipal, que asumirá a empresa Larus Control ata o ano 2026, cun orzamento de 300.000 euros ata a conclusión do servizo.
En paralelo, aprobouse a continuidade do contrato de conservación, mantemento e reparación das fontes ornamentais e estanques do Concello, asumido desde o ano 2020 pola empresa Socamex. Os pregos do contrato establecían a posibilidade de manter este vínculo por varios anos máis, e como máximo ata decembro de 2025. O investimento previsto ata entón é de medio millón.
A maiores, tamén se lle dará continuidade un ano máis ao servizo de conservación e mantemento dos xacementos arqueolóxicos do Concello, que inclúen, entre outros enclaves patrimoniais, á Torre de Hércules e o Castro de Elviña. Destinaranse case 150.000 euros de investimento a este servizo ata finais do ano que vén.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.