• O alumnado do IES Cabo Ortegal participará nunha cata de bebidas azucradas do proxecto ‘Ciudad Ciencia’ do CSIC.
O Concello de Cariño acollerá un taller do proxecto ‘Ciudad Ciencia’, impulsado polo CSIC, este xoves 28 de novembro. Trátase dunha cata de bebidas azucradas na que participará o alumnado do IES Cabo Ortegal e coa que se busca concienciar sobre a cantidade de azucre que teñen diversas bebidas populares e o risco para a saúde que isto conleva.
Así, as alumnas e alumnos do centro poderán coñecer cantos azucres libres teñen os refrescos e zumes de consumo habitual da man das investigadoras do CSIC e do ICTAN (Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición) Beatriz Díaz e María Estela de la Vega.
O taller celebrarase de 9:00 a 12:00 horas e consistirá nunha cata multisensorial de catro bebidas con distintas cantidades de azucre ou edulcorantes para apreciar as distintas intensidades do sabor doce. Posteriormente, daranse unha serie de claves para diminuír o consumo destes produtos.
Con este taller, que leva por título ‘Canto azucre ten a miña bebida?’, búscase dar a coñecer o prexudiciais que poden chegar a ser as bebidas azucradas, edulcoradas ou enerxéticas, cuxo consumo é moi habitual, especialmente entre a poboación máis nova. As profesionais explicarán como poden afectar o organismo estas grandes cantidades de azucre e os substitutos desta substancia.
O Concello de Cariño é un dos 59 municipios que acollerán estes talleres, organizados como parte do proxecto ‘Ciudad Ciencia’ impulsado polo CSIC. Ciudad Ciencia é un proxecto de divulgación científica cuxo fin é que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.