O cantante andaluz dará na Coruña o seu único concerto en Galicia dentro da súa xira especial ‘Todo es posible en Navidad’ o 13 de decembro
A banda de punk celebrará os seus 45 anos sobre os escenarios o 10 de maio, nun evento no que tamén estarán Agnostic Front, Strung Out, Crim e Belvedere
A programación musical do Coliseum para o 2025 vaise completando con dous novos nomes propios. Trátase do cantante andaluz David Bisbal, referente absoluto da música latina, e da lendaria banda de punk rock americaba Bad Religion. O Goberno de Inés Rey mantén deste xeito a súa aposta polos grandes eventos musicais e por manter A Coruña como o gran referente do noroeste neste eido.
David Bisbal regresa en 2025 á Coruña despois de actuar no 2023 no Coliseum, celebrando os seus 20 anos de traxectoria. Nesta ocasión, o cantante de Almería recalará en exclusiva en Galicia na cidade coa súa nova xira ‘Todo es posible en Navidad’.
Bisbal ofrecerá un repertorio especial adaptado a dita celebración, levando as súas cancións a só 10 cidades do país. O seu concerto na Coruña será o sábado 13 de decembro. A venda de entradas para público xeral comezará o vindeiro xoves 5 de decembro a través da páxina web do artista e das canles habituais do recinto.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos amosando que somos un referente absoluto á hora de promover grandes concertos, sendo a única cidade do noroeste que contará con esta actuación especial”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. David Bisbal únese a outros grandes artistas presentes no 2025 na axenda musical coruñesa, como Alannis Morissette, Lenny Kravitz ou Duki.
Bad Religion celebrará o seu 45 aniversario no Coliseum
Por outra banda, unha das bandas de referencia do punk rock a nivel mundial, Bad Religion, actuarán no Coliseum da Coruña dentro da súa xira polo país para celebrar os seus 45 anos de traxectoria. Os californianos estarán na cidade o sábado 10 de maio, nun evento no que tamén actuarán Agnistic Front, Strung Out, Crim e Belvedere.
Bad Religion actuará en só seis cidades a nivel nacional nesta xira e unha delas será a Coruña. “De novo, o Goberno de Inés Rey amosa a súa versatilidade á hora de programar actuacións nos recintos municipais, buscando que a cidadanía en xeral poida ver a artistas dunha gran variedade de xéneros ao longo do ano”, dixo Gonzalo Castro.
As entradas poñeranse á venda o vindeiro martes 3 de decembro a partir das 10.00 horas na páxina web www.badreligion45years.es. 45 anos despois de formarse coma banda no val de San Fernando, en California, Bad Religion regresan a España na súa xira por Europa ofrecendo uns poucos concertos, entre eles o da Coruña.
Para facer destas datas aínda máis especiais, os neoyorkinos Agnostic Front, os californianos Strung Out, os cataláns Crim e os canadenses Belvedere conforman o cartel deste festival itinerante que percorrerá a península o próximo mes de maio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.