Monday 02 de December de 2024

Belén do Campo destaca o investimento de 260.000 euros na mellora de infraestruturas rurais en Vimianzo


 A delegada da Xunta avaliou coa alcaldesa esas aportacións que servirán tanto para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas como para a rehabilitación de camiños en zonas de concentración parcelaria

 Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte reciben axudas do Plan Marco 15 concellos por un importe de máis de 1M€ e catro concellos apoios para rehabilitar camiños en zonas de parcelaria por un importe de máis de 457.000 euros

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe o concello de Vimianzo e salientou alí o investimento de 260.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas e tamén do Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración e reestruturación parcelaria, unha nova orde de axudas publicada o ano pasado.

No primeiro caso, do Plan Marco, dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, están previstas actuacións en Vimianzo de case 80.000 euros para a mellora do viario de acceso a Castromil. Un investimento que se une ao realizado o ano pasado de máis de case 79.000 euros que permitiu a pavimentación do camiño de Salto a Reboredo. A delegada da Xunta informou que na comarca da Bergantiños-Costa da Morte recibirán, este ano, estas axudas 15 concellos por un importe total de máis de 1 millón de euros.

Estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.

A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013.

En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.

Camiños parcelarias
Con respecto ao Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros, Vimianzo recibiu máis de 101.000 euros para a mellora dos viarios municipais de Moreira-As Lagoas, de Castro , de Cuadra a Bouza e de Tines a a Vilar, que inclúen limpeza de cunetas, renovación do firme e sinalización.

O proxecto dos dous camiños de Moreira-As Lagoas e de Castro teñen unha lonxitude dun pouco máis dun quilómetro e o de Cuadra a Bouza e de Tines a Vilar, supoñen unha área de actuación de máis de 1,4 quilómetros de lonxitude.

A delegada lembrou que a Consellería do Medio Rural habilitou máis de cinco millóns de euros para rehabilitar camiños de zonas de concentración parcelaria co obxectivo de facilitar a accesibilidade e a vertebración do territorio e, por tanto, a produtividade agraria e forestal.

Esta liña de axudas era a primeira vez que se poñía en marcha e estaba destinada a concellos que terminasen estes procesos. Estes fondos permitiron beneficiar a 38 municipios que cumprían o requisito de ter dentro dos seus límites zonas de reestruturación parcelaria terminadas, conter un mínimo de 10 quilómetros de camiños nelas e unha porcentaxe de uso da terra superior ao 39 %.

Dentro dos proxectos que se podían financiar con estas subvencións estaban actuacións como a limpeza e roza da plataforma ou das cunetas, a reparación de fochancas e outras obras complementarias, como a sinalización ou saneamento. Tamén, o mantemento e acondicionamento das infraestruturas rurais para que cumpran as súas funcións, pois o aumento da dimensión e tamaño da maquinaria agrícola fan necesario mellorar estes viarios. A contía asignada por municipio partía de 125.000 euros, podendo alcanzar un máximo de 200.000 en función da lonxitude das pistas e da superficie de concentración parcelaria. As obras incluídas neste plan deberían ter unha garantía de mantemento.

Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, ademais de Vimianzo recibiron estas axudas os concellos de Cabana de Bergantiños (128.024€), Muxía (82.688€) e Zas (145.052€) o que supón un investimento total nesta área de 457.296 euros.

Deja un comentario