Monday 02 de December de 2024

Rueda reafirma o compromiso da Xunta coa mocidade con máis oportunidades en emprego, educación e acceso á vivenda


 Destaca políticas autonómicas como a reserva do 40 % das novas vivendas públicas en alugueiro e do 25 % en venta para os menores de 36 anos dos inmobles que constrúa o Goberno galego

 Salienta iniciativas como o Bono Emancípate, que se activará en 2025 para apoiar aos mozos entre 18 e 35 anos no alugueiro ou compra de vivendas mediante axudas para mobiliario ou electrodomésticos, entre outros

 Pon en valor a próxima implementación da Estratexia Mocidade Activa o vindeiro ano, destinada a mellorar a empregabilidade dos mozos e fomentar a súa contratación

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mocidade mediante políticas que potencian o emprego, o acceso á vivenda e a educación como ferramentas clave para construír unha Galicia máis próspera.

Así o destacou durante a clausura da presentación da plataforma xuvenil Lideremos en Galicia na Fundación Barrié da Coruña, onde estivo acompañado polos conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. Durante o acto, o presidente galego puxo en valor o talento e a innovación que os mozos achegan á sociedade galega e valorou este tipo de iniciativas como espazos clave para o diálogo, a reflexión e a creación de políticas conxuntas.

Neste sentido, o titular do Goberno galego sinalou tres ámbitos prioritarios nas políticas da Xunta orientadas á xuventude, comezando polo acceso a unha vivenda. Neste sentido, Rueda recoñeceu a dificultade actual de moitas persoas mozas para emanciparse e explicou que o Goberno galego está a traballar para duplicar o parque de vivendas públicas ata alcanzar as 8.000 unidades. Ademais, sinalou que se reservará o 40 % das novas vivendas públicas en alugueiro e o 25 % en venta para os menores de 36 anos dos inmobles que constrúa a Xunta.

Con todo, salientou iniciativas como o Bono Emancípate, que se activará en 2025 para apoiar aos mozos entre 18 e 35 anos no alugueiro ou compra de vivendas mediante axudas para mobiliario ou electrodomésticos, entre outros, así como os aloxamentos compartidos de alugueiros accesibles para estadías de ata tres anos.

Facilitar o acceso ao mercado laboral
O presidente galego reafirmou a aposta da Xunta por unha educación accesible e de calidade, subliñando medidas como a gratuidade das matrículas nos graos universitarios para os alumnos que aproben todo ou o bo momento que atravesa a FP en Galicia, representando unha das ferramentas máis eficaces para a inserción laboral, con taxas que superan o 85 % e chegan ao 97 % na FP Dual.

Así mesmo e en referencia a outro dos asuntos formulados por Lideremos como un problema para na mocidade, como é o acceso ao mundo laboral, Alfonso Rueda referiuse á próxima implementación da Estratexia Mocidade Activa o vindeiro ano, destinada a mellorar a empregabilidade das persoas mozas e fomentar a súa contratación. Ademais, salientou iniciativas como a cota cero para novos autónomos e a rede de Polos de Emprendemento, que ofrecen orientación e apoio aos mozos emprendedores.

Deja un comentario