• Os catro concellos impulsaron a campaña ‘Estaca de Bares, de Faro a Faro contra as violencias machistas’ polo 25N.
• As actividades para conmemorar esta data continúan esta semana.
Más de 150 persoas dos diferentes concellos da Comarca de Ortegal participaron o pasado domingo, 24 de novembro, nunha marcha veciñal contra a violencia de xénero, unha actividade encadrada dentro da campaña ‘Estaca de Bares, de Faro a Faro contra as violencias machistas’, iniciativa conxunta dos concellos de Cariño, Cerdido, Ortigueira e Mañón para conmemorar o 25N.
O roteiro partiu da vila de Bares ata o faro de Estaca de Bares, onde o alumnado do IES de Ortigueira leu unha declaración institucional e, posteriormente, os catro alcaldes dos concellos participantes colgaron a lona da campaña co obxectivo de converter o faro nunha atalaia contra as violencias machistas.
O Concello de Cariño continuou coa súa programación municipal para conmemorar esta data o propio luns, 25 de novembro, cando se realizou a lectura dun manifesto nas dependencias do concello na que participaron varias decenas de persoas, incluíndo o alumnado do IES Cabo Ortegal.
As actividades polo 25N continuarán esta semana, cunha formación en materia de sensibilización e prevención das violencias machistas no deporte dirixida a monitores deportivos. Esta actividade forma parte da campaña ‘Estaca de Bares, de Faro a Faro contra as violencias machistas’ e contará coa participación de persoal dos catro concellos.
A formación impartirase no Centro de participación social de San Roque (Ortigueira) o xoves 28 de novembro de 10:00 a 13:00 horas e está aberta tamén ao persoal de empresas relacionadas coas actividades deportivas dos concellos da comarca. É gratuíta, aínda que se recomenda realizar unha inscrición previa, e todas as persoas participantes obterán un diploma por participar na formación.
Unha semana chea de actividades e actos en Cariño
Durante toda a semana celebráronse diversos actos e actividades no Concello de Cariño como parte da programación para conmemorar o 25N. O venres 22 de novembro levou a cabo un taller formativo para o alumnado de 3º da ESO no IES Cabo Ortegal impartido pola traballadora social de Arelas Cristina Palacios.
Ademais, o domingo 24 de novembro tamén se celebrou o espectáculo de maxia ‘Igualdade, onde estás?’, a cargo da Meiga Fani. Esta actuación, na que se fixo unha defensa da igualdade a través da maxia, organizouse na Casa dá Cultura municipal.
Paralelamente aos actos polo 25N, varias asociacións municipais conmemoraron a pasada fin de semana o centenario da traxedia do naufraxio da Cova. A programación incluíu unha conferencia a cargo de Hixínio Puentes o venres, unha misa parroquial o sábado e un acto de conmemoración no Cabo Ortegal o domingo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.