Tuesday 26 de November de 2024

Comezan as obras de acondicionamento da AC-543 ao seu paso polo Concello de Brión


Os traballos iniciáronse no tramo entre a rúa Inxerido e a rotonda dos Ánxeles, onde durante o mes de decembro se reducirá a circulación ao paso alternativo e sinalizado por un único carril

Concello e Xunta invisten 1,24 millóns de euros nas obras, que inclúen a reposición da rede de saneamento, a ampliación das beirarrúas e o estreitamento dos carrís de circulación para calmar o tráfico

O Concello de Brión informa do inicio das obras de acondicionamento da AC-543 ao seu paso polo municipio, concretamente no tramo entre a rotonda dos Ánxeles e a rúa Inxerido. Unha actuación para humanizar o núcleo máis poboado do municipio e repoñer o sistema de saneamento que suporán un investimento conxunto de 1,24 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia e o Concello de Brión.

Os traballos inclúen a reposición da rede de saneamento, a ampliación das beirarrúas e o estreitamento dos carrís de circulación para mellorar a seguridade dos peóns, ao reducir a velocidade dos vehículos que transitan por esta travesía de 1,48 quilómetros. O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que se trata dunha actuación “fundamental para humanizar o núcleo máis poboado de Brión e beneficiar tanto aos residentes como aos numerosos veciños e veciñas que transitan a diario pola contorna”.

Precisamente por ser unha zona de especial tránsito de vehículos, o Concello de Brión pide paciencia á veciñanza polas retencións de tráfico que poden xurdir durante as obras en momentos puntuais do día. É o caso do tramo actual, onde se poden producir retencións coincidindo coa chegada e recollida de crianzas na escola infantil municipal debido ao estreitamento dun dos carrís de circulación. Ademais de eliminarse a separación de ambos os dous carrís para facilitar a circulación dos vehículos, a regulación do tráfico estase a facer por persoal da obra, que dá paso alternativo segundo a intensidade do tráfico. Aínda que as retencións son puntuais e por pouco tempo, sempre hai a opción de coller itinerarios alternativos nos momentos de maior densidade de tráfico.

“Todas as obras causan certas molestias pero consideramos son máis que razoables se temos en conta os importantes beneficios que achegarán ao conxunto dos veciños e veciñas de Brión unha vez que estean rematadas e os residentes teñan un novo e moderno sistema de saneamento, así como unhas beirarrúas para que persoas con mobilidade reducida ou cun carriño de bebé poidan circular pola zona sen obstáculos”, sinala o alcalde brionés, quen lembra tamén que “os traballos faranse por tramos para minimizar as molestias e facilitar o uso de camiños alternativos por parte dos veciños”.

Detalle das obras

Os traballos céntranse nun tramo de 1,48 km identificado como treito de concentración de accidentes, polo que Xunta e o Concello se coordinarán para adoptar as medidas de calmado de tráfico necesarias e darlle unha funcionalidade adaptada ao dunha rúa municipal, en lugar dunha estrada. Cómpre lembrar que a estrada AC-543 atende agora unha mobilidade de carácter local, sobre todo tras a apertura da autovía Santiago-Brión.

Neste sentido, a intervención que vén de iniciarse ten como fin conseguir que a estrada AC-543 ao seu paso por Brión se converta nunha rúa, nunha vía máis humana ao servizo dos núcleos de poboación polos que pasa e con especial atención aos usuarios vulnerables. Por iso, a primeira actuación que está acometer o Concello de Brión é a de repoñer a rede de saneamento da zona, unha das primeiras instaladas no municipio e que precisaba dunha actualización. Esta farase cunhas tubaxes de PVC de 315 mm de diámetro, novos pozos de rexistro e coa adaptación das arquetas e dos pozos á cota da nova rasante da estrada.

Ademais de repoñer a rede de saneamento municipal, procederase a ampliar e renovar as beirarrúas, onde se demolerán os pavimentos existentes e se corrixirán os frecuentes desniveis existentes na actualidade. A maiores trasladarase o mobiliario urbano, as sinais, as luminarias e postes para facilitar o tránsito dos peóns. A maiores estreitaranse os carrís de circulación, o que facilitará tamén a redución da velocidade dos vehículos nunha zona que está identificada como un treito de concentración de accidentes, tanto por colisións entre vehículos como por atropelos. As obras complétanse coa dotación de zonas verdes, inexistentes nestes intres, a plantación de árbores e arbustos e a instalación de xardineiras e bancos.

As obras teñen un prazo conxunto de execución de 1 ano. Pablo Lago destaca que “esta actuación so é unha das moitas obras e investimentos que imos levar a cabo en Brión durante 2025 en todas as parroquias e coas que pretendemos mellorar as infraestruturas e os servizos que reciben os nosos veciños e veciñas”.

Deja un comentario