A atención aos usuarios do CIM continuará sendo os luns pola mañá e os xoves pola tarde.
O Concello sacou hoxe a licitación o contrato da asesoría xurídica do Centro de Información ás Mulleres (CIM), servizo municipal desde o que se articula unha intervención global dirixida a atender as demandas e necesidades das mulleres e doutros colectivos como o LGTBI encamiñada á consecución da igualdade efectiva.
O valor estimado do contrato da asesoría xurídica do CIM é dun total de 38.693,76 euros polos catro anos (dous prorrogables por outros dous máis) de prestación deste servizo municipal que cofinancian o Concello e a Xunta de Galicia.
Entre as funcións deste asesoramento destaca a atención directa ás persoas que sexan derivadas desde o CIM. Efectuarase do mesmo xeito que no momento actual, durante dez horas semanais e nun despacho do Edificio Administrativo da Laracha que será independente para garantir a confidencialidade. O horario continuará sendo os luns pola mañá, de 8:30 a 14:30 h, e os xoves pola tarde, de 16:00 a 20:00 h, a excepción do verán, que será os luns e os xoves de 9:00 a 14:00 h.
Ademais, a persoa que exerza esta asesoría xurídica, que deberá posuír a titulación de grao en Dereito e contar con experiencia en temas relacionados coa igualdade de oportunidades por razón de xénero, colaborará en calquera función que, dentro do seu ámbito de actuación, lle encomenden desde a dirección do CIM, como por exemplo a redacción de memorias e documentos oficiais ou a actualización de datos de atención na aplicación informática para a xestión dos CIM.
Toda a documentación que rexe o procedemento está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público. O prazo de presentación de ofertas para concorrer a esta licitación aberta finalizará o 11 de decembro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.