— A Xunta inviste máis de 2M€ nesta obra que comezará nas próximas semanas e suporá a construción de 1.500m² e 10 novas aulas
— Esta obra súmase á incorporación do Bacharelato a este instituto no curso 2022/23, o que permite aos alumnos cursar toda a Secundaria no mesmo centro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento iniciará nas próximas semanas a obra de ampliación do Instituto IES A Pastoriza, na localidade coruñesa de Arteixo. Cun investimento de máis de 2,1M€, a actuación suporá a construción de case 1.500m² novos para dez aulas e espazos comúns. A previsión é que a ampliación estea lista para o comezo do curso 2025/2026.
Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta, “esta ampliación é unha nova mostra do compromiso do Goberno galego cos concellos de maior dinamismo demográfico, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica”. Neste sentido, explicou que tamén está a piques de rematar as obras de reparación que se realizan no Instituto IES de Sabón, na mesma localidade, por importe de 27.000€.
Esta actuación súmase á decisión da Xunta de incorporar a este centro no curso 2022/23 as ensinanzas de Bacharelato, que ata o momento só se cursaban nos outros dous institutos do concello, o Manuel Murguía e o de Sabón. “Non só ampliamos espazos para crear novas prazas, senón que tamén facilitamos que o alumnado complete toda a súa formación secundaria no mesmo centro”, destacou o conselleiro.
Tres andares conectados co centro actual
A ampliación realizarase a través da construción dun novo volume que se engade como unha sección máis da construción actual na súa fachada norte, buscando o maior aproveitamento sen afectar á iluminación e ventilación actuais. O novo aulario estará conectado desde o interior co centro actual e contará con tres andares e semisoto.
A planta baixa funcionará como vestíbulo de entrada para facilitar o acceso ao patio interior, ao centro e ás escaleiras das pistas deportivas. As restantes dúas plantas contarán, cada unha delas, con dúas aulas polivalentes e outras tres para desdobres. Ademais, no semisoto haberá un espazo para almacenamento e instalacións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.