“Reunir ás persoas e entidades do deporte fenés ao redor dun día de festa no que salientar o labor de quen contribúen a desenvolver e ampliar a práctica deportiva no noso Concello” é o principal obxectivo do evento que a Concellería de Deportes de Fene está a organizar para este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, no pavillón da Xunqueira de San Valentín. Nesta IV Gala do Deporte están convocados ao redor de 150 deportistas de Fene ou de clubs de Fene que salientan, en palabras do concelleiro de Deportes, Adán Chao, polo seu “esforzo, dedicación, entrega e, en definitiva, polos valores que transmiten a través do deporte”. As persoas que queiran asistir ao acto e arroupar aos nosos deportistas poderán facelo porque a entrada será libre e gratuíta.
Tal e como se establece nas bases publicadas o pasado 15 de outubro na web municipal, a Gala do Deporte de Fene é un recoñecemento a entidades e deportistas empadroados en Fene, así como a deportistas doutros concellos que leven tres ou máis anos competindo cun club ou entidade de Fene.
Para acadar ese recoñecemento, a Concellería de Deportes abriu un prazo no que calquera entidade, club, persoa, instituión ou asociación puido propoñer unha ou varias persoas, clubs ou entidades deportivas que cumpriran os requisitos establecidos na convocatoria. Ademais, desde este departamento solicitouse ás Federacións deportivas información sobre deportistas feneses que puideran estar competindo en clubs de fóra do Concello. A partir destas propostas elaborouse unha listaxe inicial da que agora, finalizado o prazo de emendas, se fai pública a versión definitiva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.