Tuesday 26 de November de 2024

Gonzalo Muíños faise eco das reclamacións da asociación Aba do Pedroso e reclama actuacións no núcleo de Bar


▪ Logo dunha reunión coa asociación veciñal levará ao pleno deste xoves unha batería de propostas para mellorar a seguridade peonil na zona, acometer o asfaltado da rúa dos Asidros ou a creación dunha bolsa de aparcamento

▪ Propón tamén executar unha conexión entre a senda de Figueiras, que na actualidade está levando a cabo a Deputación de A Coruña co Carme de Abaixo

O Grupo Municipal Socialista vén de reunirse coa asociación veciñal Aba do Pedroso co obxectivo de coñecer “de primeira man” as necesidades do núcleo de Bar. Un encontro no que socialistas e veciñanza da zona coincidiron na necesidade de conectar a senda de Figueiras, que na actualidade se está a acometer por parte da Deputación da Coruña, co barrio do Carme de Abaixo. Algo que, lembra Gonzalo Muíños, xa reclamaran no pleno de xaneiro deste ano e que, insiste, “melloraría a seguridade e a conectividade de toda a zona”.

O portavoz dos socialistas en Raxoi proporá de novo iniciar o procedemento para executar unha beirarrúa que una este barrio coa senda peonil de Figueiras, unhas obras que avanzan a bo ritmo e que supoñen un desembolso, por parte do ente provincial, de preto de 900 mil euros. Tamén esixirá ao goberno local que acorde coa Deputación o pintado de pasos de peóns e a instalación de pasos semafóricos no mesmo viario, “para garantir que a actuación sexa realmente funcional”.

Intervención da representación veciñal no pleno

Muíños adiantaba ademais este martes que unha representación da asociación Aba do Pedroso intervirá ao comezo do pleno municipal para facer chegar a toda a Corporación as necesidades da zona das que se fará eco a moción que os socialistas levarán ao mesmo pleno e que se debaterá nesa mesma sesión. Unha proposta na que reclaman a ampliación de puntos de luz na zona, maior frecuencia na recollida de lixo ou a instalación de máis colectores.

O Grupo Municipal Socialista inclúe entre a súa batería de propostas o asfaltado da rúa dos Asidros, que une Bar de Abaixo e Bar de Arriba, aproveitando ademais esta actuación para acometer a renovación da tubaxe de abastecemento de auga. Neste sentido, propoñen tamén que se poida crear algunha bolsa de aparcamento na zona para dar servizo á veciñanza do núcleo.

Deja un comentario