Tuesday 26 de November de 2024

Rigoberta Bandini actuará na Coruña o 21 de xuño no seu regreso aos escenarios


As entradas para a actuación, única data confirmada en Galicia, sairán á venda este xoves 28 ás 13.00 horas

Rigoberta Bandini únese á extensa nómina de artistas confirmados para o ano 2025 no Coliseum da Coruña. A cantante catalá actuará no recinto multiusos o vindeiro 21 de xuño. Será a súa única data confirmada en Galicia.
“Desde o Goberno de Inés Rey volvemos a amosar que A Coruña é a capital musical do noroeste sendo a única cidade que acollerá esta xira, como ocorre con tantas outras xa programadas para o vindeiro ano”, apuntou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. As entradas para a actuación sairán á venda este xoves, 28 de novembro, ás 13.00 horas a través da páxina web da artista e de Last Tour.

Paula Ribó está detrás de Rigoberta Bandini, que regresa coa xira ‘Jesucrista Superstar’, título do seu próximo traballo, tras dous anos afastada dos escenarios. Antes, acadou un enorme éxito grazas a súa participación en Benidorm Fest e a súa canción ‘Ay mamá’. A artista conta con outras cancións de gran repercusión como ‘Perra’, ‘Too Many Drugs’ ou ‘In Spain We Call It Soledad’, ademais dun álbum de debut que foi un éxito en vendas: ‘La emperatriz’.

Rigoberta Bandini únese a artistas como Lenny Kravitz, Alannis Morissette, Duki, Morad, La Raíz e outros artistas xa confirmados para o 2025 no Coliseum. “A Coruña é unha cidade cunha extensa e variada axenda musical, así como un polo de atracción para as grandes promotoras, que saben do noso potencial e buscan que os seus artistas actúen aquí”, dixo Gonzalo Castro.

Deja un comentario