Friday 22 de November de 2024

O Concello exhibe no Centro Cultural Lustres Rivas unha exposición permamente formada por 193 caricaturas de Pepe Núñez


O Concello de Riveira acaba de poñer en marcha no Centro Cultural Lustres Rivas unha exposición permanente (a primeira desta natureza que alberga a instalación) realizadas por Pepe Núñez: barbeiro e maxistral artista da nosa cidade que coa súa pluma caricaturizaba a xente anónima deste municipio, visitantes, persoeiros da política, o cinema, as artes ou o deporte a nivel galego e estatal.

A mostra foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, Fabiola García Martínez, quen lembrou que a súa barbería foi durante moito tempo foi un lugar de encontro de intelectuais riveirenses que tertuliaban sobre arte, política ou sociedade. Nos veráns, coa afluencia de visitantes, ampliábase esta tertulia a artistas e literatos, personalidades de maior ou menor fama que recalaban con fin turístico en Riveira.

Pepe Nuñez naceu en 1926 e finou en 1983, tivo unha grande sona de artista pois, aínda que autodidacta realizaba óleos, acuarelas, carboncillos de paisaxes, retratos… expoñendo na 2ª bienal Rexional de Arte de Pontevedra, na Internacional de Arte da mesma cidade, ou na súa Riveira natal, ao carón de artistas como Laxeiro. Incluso unha obra súa luce no Palacio da Moncloa (trátase dunha baixamar no peirao de Palmeira), pois el mesmo lla agasallou a Adolfo Suárez aproveitando unha visita do presidente a Galicia. Pero polo que máis destacou Nuñez foi pola súa faceta de caricaturista e pola que contaba co aprezo de numerosos riveirenses, escribindo sobre el xente como Novo Salgado, Carlos García Bayón, Emilio Rodríguez López entre outros.

En 2011 os herdeiros de Pepe Nuñez doaron ao Concello de Riveira 183 caricaturas que conservaba a súa dona Marcela Pariente co fin de que se inventariaran e pasaran a formar parte do patrimonio artístico deste municipio; así foron expostas públicamente no Auditorio nese ano en 35 cadros cunha grande aceptación da cidadanía. A día de hoxe, e tras conseguir ampliar a colección en 10 caricaturas máis, o Concello expón de xeito permanente no Centro Cultural Lustres Rivas a colección de 193 caricaturas presentadas en 36 cadros para que calquera veciño ou visitante poida recrearse na arte deste artista local.

O antigo alcalde de Riveira Lisardo Valeiras, o profesor Carlos García Bayón, o político Mariano Vidal, o hostaleiro Jarpo e un longo etcétera de riveirenses debuxados por este artista penden agora das paredes da instalación municipal.