A obra chega este venres á vila dentro do ciclo “Tempo para o Teatro”
O Concello de Neda despide esta semana coa obra “Esas cousas marabillosas” o seu “Tempo para o teatro”. A obra, unha comedia sobre a depresión e o suicidio, chega á vila o venres 29 de novembro, a partir das 20.30 horas. Dende xa poden reservarse e mercarse as entradas.
A Casa da Cultura nedense acollerá a adaptación deste éxito internacional do dramaturgo e director Duncan MacMillan. O espectáculo, dirixido por Avelino González, e protagonizado por Elisardo de la Cruz, arranca no mesmo intre no que os espectadores son recibidos polo actor e reciben un papeliño que será crucial no decurso da obra.
Apuntan dende a compañía Empatía Teatro que, coa complicidade do público, constrúese unha “peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente á que amamos”.
Xa se poden reservar localidades, chamando ao teléfono 981390233 e poden mercarse, de forma anticipada, na Casa da Cultura. O propio venres a billeteira abrirase dúas horas antes da función. O prezo das entradas é de 2 euros.
“Esas cousas marabillosas” chega á vila da man da rede cultural da Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.