Tuesday 26 de November de 2024

O BNG de Oleiros levará ao pleno de novembro unha relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización


Moción relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización

Os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua. Esta situación que podemos cualificar de emerxencia, é a consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza. Neste período prohibiuse a impartición en galego de varias materias no sistema educativo (caso único en Europa), eliminouse practicamente o acceso das crianzas á lectoescritura en galego na rede de escolas infantís, mudouse a lei da función pública para que o funcionariado non teña por que ter coñecemento do galego para atender ás persoas, ou desapareceu a oferta da programación infantil ampla e actualizada na TVG, entre outras moitas medidas contra o galego na administración, na xustiza, no audiovisual e medios de comunicación, ou nas actividades comerciais e económicas.

As consecuencias están á vista. O galego non só descende bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada na Galiza, senón que mesmo se descoñece nas franxas de idade máis novas: o 32,4% das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de se expresar en galego. Poden entendelo, mais non falalo aínda que queiran, porque non o dominan. Este é o resultado práctico desas políticas. Así, o Consello de Europa ou a propia ONU teñen dirixido advertencias á Xunta de Galiza para mudar a actitude sobre o galego.

Consideramos, por suposto, que esta situación do noso idioma é reversíbel. O galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galegas. O futuro do galego depende da nosa vontade colectiva como galegos e galegas.
É por todo o exposto con anterioridade, polo que o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete a debate e aprobación polo Pleno deste Concello esta moción, propondo a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. Reafirmarnos na defensa da lingua galega, patrimonio colectivo de incalculábel valor, e no seu dereito inalienábel a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo.
2. O pleno do concello acorda adherirse á Plataforma Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta popular a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada. En coherencia con esa decisión. O Concello apoiará activamente as iniciativas socias promovidas desde esta Plataforma.
3. Trasladar este acordo plenario ao Parlamento da Galiza, Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, e á Plataforma Queremos Galego.

Deja un comentario