Monday 25 de November de 2024

A Pobra érguese contra as violencias machistas polo 25-N


Física, psicolóxica, sexual, económica, social, dixital… o feminicidio. Todas elas son violencias exercidas contra as mulleres e A Pobra do Caramiñal quixo erguerse contra o machismo cunha concentración a carón da escultura Como agua, nos Xardíns de Valle-Inclán, neste Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Un acto que comezou cun audio de relatos de distintas mulleres; testemuños de vítimas dunha problemática social que é preciso erradicar. Crueza no vivido, no pasado, e mensaxe de esperanza para o porvir: “hai futuro.”

“Recentemente estase notando certo odio ou certa división con respecto ó feminismo e non o podemos permitir. O feminismo é o principio de igualdade entre as mulleres e os homes. Este termo non pode ser utilizado para crear división, senón todo o contrario: temos que ser capaces de velo e non deixar que se aproveite quen se beneficia de crear división. Ante esta lacra social como é a violencia de xénero, debemos unirnos e loitar e reivindicarnos e perseguir entre todas e todos unha sociedade igualitaria onde a violencia machista non teña cabida”, declarou na súa intervención a concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos.

Aquí xogan un papel fundamental as administracións públicas. Deseguido, deu lectura ao manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); unha declaración institucional na que “reafirmámo-lo noso compromiso para lle poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario.” “A condena da violencia machista en tódalas súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no cal ningunha muller sexa vítima desta violencia teñen que se reforzar, dende o compromiso activo que lles poña fin a esas actitudes patriarcais”, continuou.
E os datos que apreman sobre a necesidade de erradicar esta problemática; 1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foron, as súas parellas dende 2003; 42 mulleres asasinadas no que vai de 2024; máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista. Porque “non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores”, finalizou.

A esta concentración tamén asistiu a familia de María del Rocío Lijó; unha moza de 18 anos cuxa vida foi truncada na vila a principios dos anos 80. Unha placa aos pés da referida escultura recorda a esta rapaza, a Diana Quer e a tódalas mulleres vítimas da violencia de xénero.

Tamén se pronunciou o alcalde, José Carlos Vidal, quen manifestou que “está claro que continuamos vivindo nunha sociedade machista onde a violencia contra a muller a continúan exercendo homes desaprehensivos. A loita contra os crimes machistas é unha loita contra a inxustiza; unha loita que non é exclusiva dun xénero, senón de toda a sociedade enteira. É unha loita pola igualdade e contra a discriminación. E esta loita a gañaremos entre todos e todas.”

Procedeuse, no remate, cun minuto de silencio na memoria de tódalas vítimas.

Deja un comentario