Alumnos e alumnas do CPI Ponte Carreira participarán durante esta semana nunha serie de charlas sobre habilidades sociais e educación, organizadas en virtude do acordo de colaboración que mantén o Concello de Frades co centro escolar para cooperar nunha mellor formación do alumnado. As sesións están dirixidas a rapaces e rapazas de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO e comezaron a impartirse esta mañá, cunha charla relacionada cos sentimentos.
O concelleiro de Ensino de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, asistiu a esta primeira charla na que “o alumnado aprendeu a importancia tanto de expresar os seus sentimentos como de comprender os dos demais” e destacou a importante colaboración ofrecida dende o CPI Ponte Carreira. Deste xeito, o Concello de Frades dá continuidade ás charlas celebradas en anos anteriores, que xiraron sobre educación sexual, hixiene e alimentación.
Catro sesións
Ata este venres, os rapaces e rapazas asistirán a catro sesións, tres sobre habilidades sociais e unha sobre educación emocional, que terán unha duración de unha hora cada unha. A próxima charla xirará sobre “As alternativas á agresión” e nela o alumnado aprenderá métodos de negociación e autocontrol, así como consellos para defender os seus dereitos, responder ás bromas e evitar os problemas cos demais. A terceira sesión, “Facer fronte ao stress”, explicará ao alumnado do CPI Ponte Carreira como responder ante o fracaso, unha queixa, unha acusación ou as presións dun grupo.