Monday 25 de November de 2024

Ribeira honra cunha oliveira o 25N e descobre unha placa en lembranza de Andrea Yturri 


Hoxe estase a celebrar en Ribeira unha variedade de actos polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, a xornada abriuse cun acto institucional do Concello de Ribeira ao mediodía na Carpa Multiusos. 

Nun acto ateigado de xente, acudiu todo o tecido da ensinanza de Ribeira, asociacións, entidades sociais, representantes dos partidos políticos da Corporación e o rexedor, Luís Pérez que pechou o acto. 

Acto Institucional 

Un acto institucional comezou coas palabras da concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, que expresou a necesidade de concienciar a sociedade contra a violencia machista e agradeceu a participación dos colexios de Ribeira. Os rapaces e rapazas dos colexios do municipio honraron ás vítimas colgando, nunha oliveira natural, un por un os 54 nomes das vítimas de violencia de xénero dende o pasado 25 de novembro de 2023 até hoxe; posteriormente do seu nomeamento público. 

A continuación asociacións locais e partidos políticos pasaron a ler de forma conxunta o manifesto da Fegamp polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. 

O peche do acto institucional contou co alcalde, Luís Pérez onde comezou manifestando “neste día lembramos a quen sufriu esta inxustiza pero tamén debemos comprometernos a traballar para que nun futuro, agardemos que próximo, esta violencia deixe de existir”. 

O rexedor tamén tivo palabras para as mozas presentes no acto: “nunca, nunca, permitades que ninguén vos faga crer que valedes menos, que non podedes, ou que tedes que calar. Non teñades medo de falar cando algo non está ben. Apoiade a quen o necesita ou pedide axuda se algunha vez sentides que algo non vai ben ou os vosos dereitos son vulnerados. A vosa voz e a vosa loita é a loita de todas”. 

Aos mozos pediulles que sexan feministas e aliados e teñan a valentía de rexeirtar as actitudes machistas, mesmo cando outros non o fan e concluíu “hoxe, 25 de novembro, lembramos a quen xa non está porque o machismo lle arrebatou a vida pero tamén espero que entre todas e todos cumpramos o compromiso para construír unha sociedade igualitaria para que ninguén teña que sufrir pola violencia machista”.

Descubrimento dunha placa en memoria de Andrea Yturry Alave 

Ao rematar o acto institucional, no monumento ás vítimas de violencia de xénero na praza do Concello, fíxose un pequeno acto en colaboración coa Asociación Mulleres en Acción no que se descubriu unha placa en memoria da veciña asasinada en Palmeira no mes de marzo, Andrea Yturry Alave, e de todas as mulleres, nenas e nenos, vítimas das violencias machistas. Este acto foi moi emotivo xa que estivo presente a nai arroupada pola familia, quen agradeceu o xesto e expresou a dor pola ausencia da súa filla.

Deja un comentario