A campaña “Brión a prol do bo trato” continúa mañá martes cun obradoiro de autodefensa feminista
Un espectáculo a cargo de Teatro das Maniotas, grupo teatral conformado por 25 alumnos e alumnas do IES de Brión, protagonizou este mediodía a tradicional concentración e lectura do manifesto institucional polo Día internacional para a eliminación da violencia de xénero. Un acto que tivo lugar na praza do concello de Brión dentro da campaña “Brión a prol do bo trato”, organizada dende os Servizos Sociais municipais e que inclúe un obradoiro de autodefensa feminista mañá martes e unha actuación teatral o próximo mes de decembro.
A concelleira de Igualdade, Rosa Romero, foi a encargada de dar lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero, acompañada nesta ocasión por cinco rapazas do IES de Brión. Acto seguido, un grupo de 25 rapazas e rapaces de Teatro das Maniotas, totalmente vestidos de negro coa excepción duns panos violetas coa lenda “Brión a prol do bo trato” nas súas frontes, realizaron unha espectacular coreografía que foi moi aplaudida polas persoas presentes no acto, presidido polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e ao que asistiron tamén concelleiros dos grupos municipais do PSOE e BNG.
Resto da programación
Mañá martes 26 de novembro, de 18:45 a 20:45 horas, terá lugar un “Obradoiro de autodefensa feminista”, dirixido a mulleres e persoas non binarias de Brión. Nel, Cristy Tojo, campioa de Europa de parakarate, aprenderalles técnicas físicas e mentais para afrontar situacións de violencia machista e que poden ser empregadas por mulleres de todas as idades.
Finalmente, para o sábado 14 de decembro queda a posta en escena da obra de teatro “Bravas”, de Isabel Risco e dirixida por Fran Rei. Unha actuación dirixida a un público adulto que terá lugar no centro social polivalente ás 20:00 horas. As entradas poden reservarse gratuitamente en billeteira.concellodebrion.gal. “Bravas” é o segundo espectáculo unipersonal de Isabel Risco no que ofrece a súa visión da historia das mulleres galegas, unha historia roubada, agochada e invisibilizada. Unha actuación organizada polo Concello de Brión en colaboración coa Rede Cultural 2024 da Deputación da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.