A actuación está valorada en 713.000 euros, que o Concello inviste para rehabilitar o emblemático inmoble.
O alcalde, José Manuel López Varela, e os concelleiros Pablo Cambón, Patricia Bello e Rocío López visitaron hoxe a casa reitoral de Montemaior para coñecer o estado actual de execución das obras de reforma integral da emblemática edificación e os seus espazos anexos. Fixérono acompañados por Santiago González, arquitecto director de obra e responsable da redacción do proxecto.
Os representantes municipais puideron comprobar como os traballos avanzan a bo ritmo de actuación. Nestas primeiras semanas das obras os labores céntranse na escavación e consolidación da antiga estrutura do edificio, que vai ser convertido nunha instalación municipal que permitirá acoller iniciativas especialmente relacionadas coa posta en valor do sector primario (principalmente, da agricultura) e actividades de voluntariado xuvenil ao funcionar como albergue.
O proxecto da reforma integral respecta a estrutura da reitoral, pero cunha nova distribución. Na zona exterior vai ser adecuado un novo espazo público cun pavimento diferenciador aproveitando a estreita relación visual entre a reitoral e a igrexa.
A actuación está valorada en 713.000 euros. O investimento que asume o Concello permitirá recuperar a histórica casa reitoral, que presenta unha superficie superior aos 700 m2 entre os dous andares do edificio principal e os espazos anexos. O tamaño da parcela na que se levanta é de 2.221 m2.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.