Monday 25 de November de 2024

O Concello construirá a primeira pista multideporte da Urbanización Breogán


A alcaldesa, Inés Rey, informou esta tarde as veciñas e veciños dos principais detalles da intervención. A pista estará situada na rúa Antonio Casares Rodríguez, nunha parcela de titularidade municipal

A instalación estará habilitada para a práctica de variadas disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol ou voleibol. Terá, ademais, un peche perimetral e un moderno sistema de iluminación

A alcaldesa, Inés Rey, visitou hoxe a urbanización Breogán, onde informou a veciñanza de que este mércores se dará o visto e prace ao proxecto de construción dunha nova pista multideporte neste enclave residencial localizado no sector sur do termo municipal.
A creación desta pista multideporte era unha das principais demandas das e dos veciños da urbanización, “que proximamente se verá cumprida”, tal e como expuxo a rexedora esta tarde. Este novo equipamento habilitarase nunha parcela de titularidade pública situada na rúa Antonio Casares Rodríguez. Rey precisou que “a día de hoxe, a urbanización Breogán carece de instalacións deportivas públicas, polo que esta pista marcará, en certa forma, un punto de inflexión neste sentido na historia do barrio”.
Acompañada hoxe polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e polo concelleiro Juan Ignacio Borrego —que atende ás demandas veciñais do distrito 9—, a alcaldesa da Coruña explicou polo miúdo os detalles máis técnicos do que será a futura pista, que permitirá a práctica de variadas disciplinas deportivas, como baloncesto, fútbol e voleibol, “sexa de forma independente ou simultánea”. Ademais, a pista contará cun peche perimetral e tamén cun moderno sistema de iluminación.
Nota de Prensa
O investimento previsto polo Concello é de case 300.000 euros. Unha vez que rematen os trámites administrativos asociados á contratación das obras, o prazo de execución dos traballos estímase en seis meses.
Un paso máis no plan de mellora das infraestruturas deportivas dos barrios
No seu encontro coas veciñas e veciños da urbanización Breogán, Inés Rey expuxo que a construción da nova pista multideporte vai incluída na folla de ruta que está a impulsar o Concello co obxectivo de darlle resposta ás necesidades dos barrios en materia de instalacións deportivas.
Neste sentido, Rey informou as persoas presentes de que nos vindeiros días tamén sairá a licitación o contrato para redactar o novo Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, co que o Concello busca adecuar e mellorar os espazos deportivos de titularidade municipal e tamén establecer a folla de ruta que determine as futuras necesidades da cidade neste eido, atendendo ás especificidades e demandas existentes en cada distrito.
Cómpre lembrar que, a día de hoxe, o Concello da Coruña ostenta a titularidade de máis dun cento de instalacións deportivas. Isto supón, en termos prácticos, que é o encargado do seu mantemento e coidados, tamén da súa renovación ou ampliación en función de cada caso.
A este cento de instalacións sumaranse, proximamente, tanto a nova pista multideporte da urbanización Breogán como as que xa están proxectadas no barrio dos Rosales como no núcleo poboacional da Silva. No tocante a estes dous espazos, as obras de construción xa saíron a concurso tras aprobarse previamente na Xunta de Goberno Local.

Deja un comentario