Sunday 24 de November de 2024

Fillas de Cassandra, prato forte da última semana de programación do Festigual


O dúo ofrecerá un concerto especial en acústico de balde no auditorio do Centro Sociocultural Ágora este mércores

Esta semana celebraranse as últimas actuacións do Festigual, o encontro de arte e cultura inclusiva máis importante do noroeste e que está promovido polo Concello da Coruña. O Goberno de Inés Rey, un ano máis, renovou o seu compromiso con esta iniciativa que busca a inclusión de toda a sociedade arredor da cultura, ofrecendo do 30 de outubro ao 29 de novembro unha programación completa que abrangue teatro, música, danza, exposicións, encontros formativos e actividades para todas as idades.

O acto que abrirá esta semana, e prato forte desta edición, será a actuación de Fillas de Cassandra no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. Estarán acompañadas tamén polo grupo Chungo Pastel. A actuación comezará ás 20.00 horas e será de balde ata completar capacidade.
Fillas de Cassandra e Chungo Pastel, coa súa aposta pola fusión de tradición e modernidade, ofrecerán unha experiencia acústica accesible a todos os públicos. Fillas de Cassandra son Sara Faro e María Soa, un dos conxuntos musicais de música en galego máis destacados do momento, mentres que Chungo Pastel son un grupo de música da fundación Igualarte. O auditorio contará con mochilas vibratorias e haberá un servizo de lingua de signos.

Últimos actos do programa

Cerrará a programación, o 29 de novembro no Centro Cívico dos Mallos, o concerto ‘Músicas Inclusivas e Participativas’, onde Robert Pier, xunto co Coro Diversos Funcionais, poñerá en escena un espectáculo que mestura música e emocións compartidas.

A programación complétase coa exposición sobre o XV aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade que organiza a Sociedade Filatélica da Coruña e que estará do 28 de novembro ao 15 de decembro na sala municipal de exposicións Salvador de Madariaga. Os amigos do Museo de Belas Artes programaron o seu Museo Virtual no Ágora o 7 e o 27 de novembro. O 9 de novembro haberá unha xornada de Arte e saúde no Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

Deja un comentario