Sunday 24 de November de 2024

O Concello promove a marca Peixe da Lonxa da Coruña nunha xornada cunha conferencia e unha degustación


A concelleira Diana Cabanas asistiu a esta iniciativa celebrada na Lonxa da Coruña e na que participaron 120 persoas

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, participou esta mañá nunha nova xornada para promocionar a marca Peixe da Lonxa da Coruña, que promove o Concello. O Goberno de Inés Rey segue apostando polos produtos locais co obxectivo de dinamizar a economía e impulsar a gastronomía atlántica a través de iniciativas coma esta.
A xornada, celebrada na Lonxa da Coruña e que contou coa asistencia dunhas 120 persoas, comezou cunha conferencia do doutor Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC baixo o título ‘ Peixe, unha fonte de saúde cardiovascular’. A continuación, levouse a cabo unha degustación de produtos da Lonxa da Coruña a cargo da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro e a Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña.
“Desde o Goberno de Inés Rey entendemos a importancia de fomentar o consumo dos nosos produtos, e como cidade atlántica que somos non hai mellor exemplo que o noso peixe”, indicou a concelleira Diana Cabanas. O Concello impulsou esta iniciativa no 2021 e conta coa colaboración da Lonxa da Coruña.
O selo Peixe da Lonxa da Coruña serve para distinguir a orixe do peixe que se comercializa desde a Lonxa da Coruña e, coa fin de darlle maior difusión o Concello organiza este tipo de xornadas divulgativas. A Lonxa da Coruña dá emprego a máis de 1.800 persoas de forma directa e a máis de 6.000 de forma indirecta, involucrando unha gran diversidade de empresas vinculadas a este sector.

Deja un comentario