O concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, fixo entrega dos diplomas ás participantes e animounas a seguir formándose
Para o alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego Carballo Coida II, centrado na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, chegou o momento de enfrontarse ao mercado laboral. As expectativas son moi boas, xa que a demanda de persoal no sector sociosanitario é enorme.
Hoxe recolleron os seus diplomas nun acto no que participou o concelleiro de Formación e Emprego, Iván Andrade, que agradeceu a implicación das 20 participantes (19 mulleres e un home) e animounas a seguir formándose. Nese sentido, a Concellaría de Formación e Emprego aposta non só por un novo curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución sociais, que comezará o 16 de decembro, senón que, de cara ao vindeiro ano, está programada unha acción formativa de teleasistencia novidosa en todo o ámbito da Costa da Morte.
O alumnado o obradoiro dual de emprego Carballo Coida II debe solicitar agora o certificado de profesionalidade para poder empezar a traballar. Na Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo xa hai ofertas de emprego axustadas ao seu perfil, como indicou a responsable do servizo, Milagros Antelo.
Ao acto de hoxe tamén asistiron representantes das entidades nas que desenvolveron as súas prácticas as alumnas do curso _Asociación de pais de discapacitados psíquicos de Bergantiños (Aspaber), Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Bergantiños (Afaber), Asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte, Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM) e Centro de día do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar_ que renovaron o seu compromiso de colaboración de cara ás vindeiras accións formativas.
O obradoiro dual de emprego Carballo Coida II foi un proxecto impulsado polas concellarías de Formación e Emprego e Servizos Sociais e subvencionado pola Xunta de Galicia. Antes de fin de ano arrincará o Obradoiro Lubiáns, neste caso en colaboración co Concello de Coristanco e centrado no sector da carpintaría e a montaxe de mobles. As persoas interesadas poden informarse nas oficinas do Servizo de Emprego Público de Galicia, na planta baixa do Fórum.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.